Nova: Rueda avanza que Galicia será pioneira en toda Europa ao aprobar este ano a primeira Lei de cultura inclusiva e accesible

05/10/2023

Rueda avanza que Galicia será pioneira en toda Europa ao aprobar este ano a primeira Lei de cultura inclusiva e accesible

Resalta que persegue o dobre obxectivo de “falicitar o acceso á cultura de todos os colectivos” así como “fomentar a participación cultural”

Entre as medidas máis importantes salienta a necesidade de manter a venda en taquilla nalgúns espectáculos, descontos en iniciativas da Xunta ou garantir unha programación de calidade no rural

“Vai ensanchar a base cultural de Galicia xa que busca novos públicos e creadores”, asegura o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez

A normativa prevé a creación de liñas de apoio para creadores que teñan en conta a perspectiva de xénero, a diversidade social e o territorio de Galicia

Afonda na eliminación de barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais a través da escoita activa e a adaptación de servizos ás persoas

No prazo de dous anos desde a aprobación crearase o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible e o Plan de accesibilidade para avaliar a situación actual

Promoverase o uso das novas tecnoloxías sen esquecer a demanda analóxica, así como a formación dos traballadores públicos
 

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o proxecto da nova Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que agora será elevado ao Parlamento para o seu debate e tramitación, coa intención de que a norma poida estar aprobada a finais deste ano. “É unha normativa que non só vai ser pioneira en España senón en toda Europa”, salientou o titular do Goberno autonómico.

Rueda resaltou que a nova Lei busca un dobre obxectivo: tanto “facilitar o acceso á cultura de todos os colectivos e eliminar calquera barreira” física, cognitiva, territorial e social coma “fomentar a participación cultural efectiva de calquera cidadán”.

Esta normativa, segundo explicou, inclúe entre as súas medidas a preservación “da venda en taquilla e non só online cando o público así o precise”, os descontos ou gratuidades para “facilitar o acceso gratuíto nas propostas impulsadas desde a Xunta” ou o uso de formatos móbiles e itinerantes co fin de “garantir unha programación de calidade en toda Galicia, tamén no rural”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, resaltou que grazas a esta pioneira normativa “vaise ensanchar a base cultural de Galicia xa que buscamos novos públicos e novos creadores”. Nesta liña, subliñou que o texto que ten por obxectivo facilitar o acceso á cultura de todos os cidadáns. Faino, ademais, desde unha perspectiva que se refire á participación na vida cultural en sentido amplo ao abranguer dúas direccións: a vertente creativa e xeradora de produtos e servizos culturais, dando visibilidade ao talento artístico de persoas que ás veces permanecen invisibles ao público, e a vertente do acceso e consumo a produtos e servizos culturais.

Rodríguez destacou ademais que esta proposta de lei é froito dun traballo consensuado co sector e cos colectivos implicados, para o cal se mantiveron sete xuntanzas con máis de 55 entidades na fase previa e se recibiron observacións por parte de 11 entidades e os correspondentes informes. O resultado é unha lei que, por primeira vez en Europa, regula o dereito de acceso á cultura desde a perspectiva da inclusión e da accesibilidade mediante unha vintena de artigos en que se recollen obxectivos e liñas de acción.

Deste xeito, a nova regulación, aínda que está destinada a todas as persoas con independencia de cales sexan as súas condicións, presta especial atención a aquelas que se atopan nunha situación de desvantaxe ou risco de exclusión, que impida ou dificulte o acceso aos procesos de creación ou de consumo tanto polas limitacións do territorio, ao residir en zonas rurais, como por ter un déficit grave de recursos económicos, contar cunha discapacidade ou situación de dependencia, estar en situación de desemprego, ser vítima de violencia de xénero, estar en proceso de rehabilitación social ou pertencer a unha minoría étnica, entre outras condicións.

Mellorar as experiencias culturais

Para avanzar nos seus obxectivos e mellorar as experiencias culturais de todo tipo de colectivos, a norma afonda en diferentes medidas dirixidas a actuar tanto desde a perspectiva da creación como desde a sensibilización, a formación, a eliminación de barreiras, o territorio, a igualdade ou as novas tecnoloxías. En definitiva, a regulación que se pon en marcha pretende ofrecer un marco estable desde o que traballar para promover unha participación universal e efectiva.

Ademais, prevé a creación, no prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor, do Plan de accesibilidade e de inclusión cultural no cal, coa participación de entidades representativas, se detalle a situación de partida e as melloras que cómpre realizar, e o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, que funcionará como un órgano colexiado, de asesoramento, seguimento e participación institucional.

Fomento da creación cultural

Así, no tocante á creación cultural, a lei recolle medidas centradas en fomentar as manifestacións culturais en todas as súas vertentes e desde todo tipo de persoas e colectivos. Para iso, recóllese a creación de liñas de estímulo que teñan en conta a perspectiva de xénero, a diversidade social e a realidade xeográfica de Galicia, e que permitan acadar unha maior participación de colectivos que, polas súas características, teñan máis dificultades para participar activamente nas actividades de creación cultural.

Así mesmo, as medidas e os programas deberán contribuír a reducir a discriminación das mulleres, a paliar o déficit de produción cultural feminina e a garantir que a aprendizaxe, a dinamización e o uso da lingua galega sexa plenamente accesible ao longo de toda a vida e para todo tipo de persoas.

No texto sometido hoxe ao Consello da Xunta tamén se inclúe a importancia de adaptar as actividades a todo tipo de públicos e asistentes mediante recursos e ferramentas como subtítulos, linguaxe de signos ou sesións descontraídas. Ademais, favorecerase o uso das novas tecnoloxías para fomentar a dixitalización de todo tipo de materiais e recursos para a súa posta á disposición do público. Isto farase sen esquecer os colectivos con maiores dificultades neste eido e sen abandonar os sistemas analóxicos, que mesmo se deben preservar con medidas como a venda de entradas en billeteira cando as necesidades do público así o requiran.

Así mesmo, promoveranse accións encamiñadas a dixitalizar todo tipo de materiais e recursos do patrimonio cultural de Galicia, en especial o documental e bibliográfico, para a súa posta á disposición do público.

Por outra parte, co fin de eliminar todo tipo de barreiras que poidan limitar a participación na programación cultural, tamén se promoverán nas actividades públicas os descontos ou gratuidades para os colectivos máis desfavorecidos ou favorecerase a creación e difusión de axendas culturais compartidas e plenamente accesibles.

Investigación, formación e boas prácticas

Unha das principais liñas para que estas medidas teñan o maior éxito posible é o impulso ás accións formativas para todo o persoal das dotacións culturais, nomeadamente para os que traballan de cara ao público, en aspectos relativos á igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal. Así, o persoal ao servizo do Goberno galego disporá dunha oferta formativa ampla sobre estes aspectos e tamén se potenciará a investigación, o desenvolvemento e a innovación en materia de accesibilidade e inclusión favorecendo a realización de encontros e intercambios de boas prácticas.

Ademais, tamén se favorecerá a realización de campañas, eventos e outras accións de impacto que permitan xerar unha maior conciencia, a promoción da participación do terceiro sector de acción social nas iniciativas públicas ou a cooperación e colaboración con outras administracións e entidades para o desenvolvemento de medidas que contribúan a facilitar o acceso á cultura das persoas en que concorra algún factor de risco.

Limitación territorial

En canto ao territorio, a nova regulación ten en conta a realidade xeográfica de Galicia á hora de incidir na importancia de planificar programacións culturais que cheguen a todos os concellos, especialmente ás zonas rurais. Neste senso, valora o uso de opcións como formatos móbiles ou itinerantes para impedir que a localización xeográfica limite o acceso á cultura por parte da cidadanía.

Iniciativas xa en marcha

A tramitación desta lei forma parte do compromiso da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades por ofrecer un programa adaptado a todo tipo de públicos e que chegue a todo o territorio galego. Así o demostran, tal e como salientou o conselleiro, iniciativas como A furgoteca, o servizo móbil de bibliotecas que funciona nos concellos do rural de Lugo e Ourense que non dispoñen delas, ou programas como Territorio Cultura, que enche as zonas rurais dunha oferta cultural diversa e de calidade, ou a iniciativa En_Red_arte, que facemos en colaboración con Cogami.

Ademais, algunhas das medidas propostas neste texto reflíctense en iniciativas xa postas en marcha polo Goberno galego, como o sistema pioneiro de teatro inclusivo do Centro Dramático Galego no Salón Teatro, que posibilita funcións en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición, así como ofrecer sesións descontraídas con condicións de luz especiais para persoas con pouca tolerancia a espazos pechados, aos ruídos ou á escuridade. 

É o caso tamén do proxecto Galiverso, na Cidade da Cultura, onde se empregan tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co obxectivo de amosar o noso patrimonio a calquera persoa; ou do proxecto Allure, unha iniciativa europea liderada pola Xunta da que xurdiu xa a aplicación CIMA, que transforma información sobre eventos culturais para facela máis accesible creando folletos baseados en textos sinxelos e pictogramas.

Bo momento da cultura galega

O conselleiro salientou que a chegada desta normativa coincide cun “bo momento da cultura galega” que, asegurou non só e un elemento “que xera cohesión social e funciona como elemento identitario” senón que é un sector clave para economía galega que “xera riqueza e xera emprego”. En concreto, Rodríguez lembrou que a cultura representa o 3% do PIB galego e que da emprego a máis de 35.400 persoas.

Comparte