Nova: A poeta Yolanda Castaño colabora coa Xunta no obradoiro de tradución poética da Illa de San Simón

08/10/2023

A poeta Yolanda Castaño colabora coa Xunta no obradoiro de tradución poética da Illa de San Simón

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, recibe á gañadora do Premio Nacional de Poesía para analizar vías de colaboración

 

A iniciativa celebrarase desde mañá ata o 14 de outubro coa participación de seis profesionais de Estonia, Suíza, Romanía, Polonia, Comunidade de Navarra e Galicia

 

Ademais de acadar numerosos recoñecementos, a autora tamén organiza a Residencia Literaria 1863 da Coruña en colaboración co Goberno galego

 

“A nosa cultura vive un gran momento e iso é posible grazas ao traballo e o talento de profesionais como Yolanda Castaño”, afirma o responsable de Cultura

 

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2023 A poeta Yolanda Castaño, recentemente gañadora do Premio Nacional de Poesía 2023, colabora coa Xunta de Galicia no XII Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, que se celebra desde mañá na Illa de San Simón. A cita foi analizada nun encontro co conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na que tamén afondaron en vías de colaboración para impulsar o libro galego.

Durante esta xuntanza, o responsable autonómico de Cultura a oportunidade que supón “contar coa colaboración e implicación neste proxecto dunha das voces poéticas en galego máis distinguidas do noso país”. “Vivimos nun gran momento para a nosa cultura”, afirmou Román Rodríguez antes de precisar que “así o demostran os numerosos galardóns que están a recibir os profesionais do sector”. “Isto é posible grazas o traballo e o talento de persoas como Yolanda Castaño”, concluíu.

A cita coordinada pola autora arrancará mañá na Illa de San Simón coa participación de autores galegos, nacionais e internacionais. En concreto, os profesionais que convivirán ata o día 9 neste espazo son: Kai Aareleid, de Tartu, Estonia; Xabier Cordal, da Coruña; Jessica Zuan, de Engadina Alta (Suíza); Corina Oproae, de Tansilvania (Romanía); Castillo Suárez, de Alsasua (Navarra), e Marta Eloy Cichocka, de Cracovia (Polonia).

Residencias literarias

Ademais desta iniciativa, Yolanda Castaño tamén organiza a Residencia Literaria 1863 da Coruña, en colaboración coa Xunta. Nela acaba completar a súa estadía a irlandesa Dairena Nó Chinnéida, unha poeta bilingüe que recibiu numerosos recoñecementos pola súa escrita.  

Dentro do plan de impulso ao libro galego, a illa de San Simón tamén acollerá entre outubro e novembro a residencia literaria na que participan unha ducia de autores. O obxectivo da actividade é apoiar a creación fornecéndolles dunhas condicións idóneas a través dunha estadía na Ría de Vigo de entre 15 días e un mes. 

Así, os primeiros autores chegarán á Illa de San Simón o xoves 19 de outubro e a última estadía rematará o 30 de novembro. Neste senso, os participantes gozarán de aloxamento en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris e de espazos comúns de traballo, con varias estancias con conexión a internet e os medios técnicos e materiais básicos para o desenvolvemento do traballo creativo.

 

Comparte