Nova: A Xunta apoia ás XXV Xornadas de homenaxe a Valle-inclán que inclúen unha ducia de actividades ata fin de mes

11/10/2023

A Xunta apoia ás XXV Xornadas de homenaxe a Valle-inclán que inclúen unha ducia de actividades ata fin de mes

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da programación que arranca este venres na Pobra do Caramiñal



 

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 11 de outubro de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación das XXV Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán que se celebrarán desde este venres na Pobra de Caramiñal co apoio da Xunta de Galicia. Trátase dunha ampla programación que inclúe unha ducia de actividades ata o domingo 29 de outubro.  

Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo de manifesto o compromiso do Goberno galego para seguir trasladando a novos públicos o legado “dun autor que continúa sendo unha fonte inesgotable de inspiración para xeracións enteiras de dramaturgos en todo o planeta”, explicou.

Neste senso, salientou iniciativas como a que se porá en marcha o venres e que supoñen unha oferta cultural de calidade para achegarse á figura de Valle-Inclán a través de propostas como conferencias de divulgación científica, presentacións de libros, espectáculos de narración oral, obras teatrais, actividades plásticas, exposicións ou sesións de monicreques.

Comparte