Nova: Román Rodríguez refírese ao Seminario de Estudos Galegos como unha institución “determinante na construción da identidade galega”

12/10/2023

Román Rodríguez refírese ao Seminario de Estudos Galegos como unha institución “determinante na construción da identidade galega”

Destaca a importancia da xuntanza celebrada hoxe hai 100 anos por un grupo de intelectuais e o cambio que supuxo no xeito de investigar, narrar e describir a historia de Galicia

A iniciativa forma parte da programación con motivo desta efeméride, na que a Xunta achega exposicións e dúas publicacións de libros

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe nos actos do centenario do Seminario de Estudos Galegos cunha andaina conmemorativa desde o parque da Alameda de Santiago ata Ortoño (Ames), lugar de infancia de Rosalía de Castro, que recrea a xuntanza fundacional celebrada un século atrás.

O titular de Cultura do Goberno galego referiuse a esta institución como “determinante na construción da identidade galega” e destacou a importancia do encontro celebrado hoxe hai 100 anos por un grupo de intelectuais entre os que se atopaban Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena, Wenceslao Requejo, Lois Tobío e Alberto Vidán. “Isto representou o inicio do Seminario de Estudos Galegos, unha institución que supuxo un cambio no xeito de investigar, narrar e describir a historia de Galicia”, abondou.

“Daquel grupo foron parte nomes senlleiros do noso pensamento e foi a primeira estrutura de desenvolvemento cultural planificada en Galicia para desenvolver estudos galegos en exclusiva”, explicou Román Rodríguez, quen engadiu que “maila súa corta existencia, o legado do Seminario de Estudos Galegos segue sendo excepcional e 100 anos despois continuamos sendo debedores dese espírito”.

A andaina de hoxe forma parte da programación con motivo desta efeméride. Trátase dun amplo abano de propostas cuxo acto central foi o celebrado hoxe e ao que a Xunta achega a exposición Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936); comisariada por Ramón Villares que se pode visitar no Museo Gaiás da Cidade da Cultura ata o 7 de xaneiro, ou a mostra As mulleres do Seminario de Estudos Galegos, inaugurada esta semana na Biblioteca de Galicia con fondos propios e que permanecerá aberta ata o día 31 de xaneiro.

Ademais, no marco desta programación tamén está prevista a publicación de dous libros. O primeiro deles, Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos; é unha reedición dunha publicación de 1977 que recolle a visión sobre o esta institución de distintos persoeiros da cultura galega; mentres que a segunda, Terras do Deza, en proceso de edición, é un volume que difunde traballos de recollida que os seus membros fixeron na comarca do Deza.

 

Comparte