Nova: A Xunta porá en valor o Castro de Cividá e o Petróglifo de Pedra dos Mouros de Cerdedo-Cotobade no marco do Plan de intervencións arqueolóxicas

13/10/2023

A Xunta porá en valor o Castro de Cividá e o Petróglifo de Pedra dos Mouros de Cerdedo-Cotobade no marco do Plan de intervencións arqueolóxicas

Os traballos contan cun investimento de 30.000€ para realizar tarefas de roza, limpeza, documentación e sinalización nestes bens

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, veñen de asinar un convenio de colaboración para poñer en valor o Castro de Cividá e o petróglifo de Pedra dos Mouros, ambos no concello pontevedrés. Trátase dunhas actuacións incluídas no Plan de intervencións arqueolóxicas que a Xunta de Galicia ten en marcha cun investimento de 850.000€ para intervir en xacementos de toda a Comunidade.

Tal e como resalta o representante autonómico de Cultura, esta actuación forma parte do compromiso do Goberno galego para “mellorar a conservación, afondar no seu estudo e dar a coñecer este patrimonio entre a cidadanía”. “Bens arqueolóxicos como o Castro da Cividá ou o petróglifo de Pedra dos Mouros xogan un papel fundamental no rico patrimonio cultural de Galicia, tanto pola súa calidade como pola súa capacidade para ser testemuña do noso pasado máis senlleiro”, declarou Román Rodríguez.

En concreto, os traballos previstos no Castro da Cividá son a roza, limpeza e retirada de vexetación que cubre a área onde se localiza o xacemento e impide a súa correcta caracterización e visualización. Ademais, a actuación inclúe tamén unha prospección arqueolóxica para identificar e determinar a súa configuración espacial, elementos principais e posibles estruturas.

No petróglifo de Pedra dos Mouros, pola súa banda, limparase manualmente o contorno da rocha con gravados, así como outros afloramentos que poidan ter gravados para, a continuación, avaliar o seu estado de conservación. Tamén se limparán os soportes e os gravados con materiais e métodos compatibles. Por último, en todo este proceso documentaranse ambos bens e deseñaranse accións de divulgación mediante visitas comentadas, charlas, obradoiros ou paneis interpretativos.

 

Comparte