Nova: O profesor Fernando Castro Paredes recibe o XXXV Premio García Barros co que colabora a Xunta

20/10/2023

O profesor Fernando Castro Paredes recibe o XXXV Premio García Barros co que colabora a Xunta

O galardón está dotado con 9.000 euros e a publicación por parte da Editorial Galaxia da novela gañadora, titulada ‘Entomoloxía para misioneiros’

O secretario xeral de Política Lingüística participa na entrega deste premio impulsado desde o Concello da Estrada para promover a creación literaria en galego

 

A Estrada (Pontevedra), 20 de outubro de 2023 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na entrega do Premio de Novela Manuel García Barros ao profesor Fernando Castro Paredes pola obra Entomoloxía para misioneiros. O galardón, dotado con 9.000 euros e a publicación da novela, está impulsado polo Concello da Estrada coa colaboración da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia para promover a creación literaria en lingua galega.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades deulle os parabéns ao gañador desta edición pola súa novela “que nos invita á reflexión sobre grandes cuestións e que engancha aos amantes da lectura desde o primeiro momento”. Ademais, Valentín García aproveitou a ocasión para agradecer, un ano máis, o labor do Concello da Estrada, que leva máis de 30 anos organizando este certame, “erixido como un dos máis prestixiosos do panorama literario galego actual”.

No acto, que se celebrou no Teatro Principal da Estrada, tamén participaron o alcalde José López Campos; o director de edicións de Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; o secretario do xurado, Carlos Loureiro Rodríguez, encargado de ler a acta, e o autor galardoado, Fernando Castro Paredes.

22 novelas participantes

Elixida por maioría de entre as 22 novelas recibidas, Entomoloxía para misioneiros, presentada ao certame baixo o lema Alberte Quiñoi, conxuga, en palabras do xurado, “a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de occidente e oriente”.

A obra de Fernando Castro, publicada xa en Galaxia, engrosa a ampla lista de gañadores que este certame, creado para renderlle homenaxe ao escritor que lle dá nome, acumula desde a súa primeira edición en 1989

Sobre o gañador

Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, Asturias, 1975) exerce como profesor de ensino secundario ao tempo que traballa no eido do teatro escolar coordinando a agrupación escolar Tuéjele Teatro, do IES Fernando Blanco de Cee. Tamén é membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega.

Como dramaturgo, formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral e recibiu recoñecementos como o Premio Rafael Dieste, o Premio Álvaro Cunqueiro ou o Premio Roberto Vidal Bolaño, entre outros.

 

Na Editorial Galaxia publicou previamente obras como A derradeira bala, dirixida a público adolescente, ou Miss Antropía, incluídas na colección Costa Oeste da editorial, así como a obra teatral Papiroflexia.

 

Comparte