Nova: A Xunta reforza a súa aposta pola conservación do patrimonio cun aumento do 7 % nos Orzamentos de 2024

21/10/2023

A Xunta reforza a súa aposta pola conservación do patrimonio cun aumento do 7 % nos Orzamentos de 2024

“Seguiremos traballando para coidar, preservar e manter a nosa gran riqueza patrimonial nas mellores condicións”, afirma o conselleiro

A actuación feita polo Goberno galego nesta ponte que une as provincias da Coruña e Pontevedra permite recuperar parte do antigo trazado e solucionar os problemas derivados do paso do tempo que afectaban tanto ao pavimento como a estrutura

A Estrada/Teo, 21 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia reforzará a súa aposta pola conservación do patrimonio artístico e cultural cun incremento do 7 % nos orzamentos do vindeiro ano destinados a este fin. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita á ponte medieval de Pontevea, onde a Administración autonómica acaba de concluír traballos de restauración dotados con 220.000 €.

 

O representante autonómico destacou que o obxectivo con este “esforzo inversor” é ampliar o alcance do traballo feito nos últimos anos “para seguir coidando, preservando e mantendo a nosa gran riqueza patrimonial nas mellores condicións”, salientou Román Rodríguez antes de engadir que nos Orzamentos 2024 inclúense as grandes liñas de traballo desta área como son o Plan Catedrais ou o Plan Ribeira Sacra, entre outros.

 

“Estas contas comprometidas cos tesouros dos galegos van permitir levar a cabo actuacións como a rematada xa nesta ponte e coa que se recupera parte do antigo trazado, así como solucionar os problemas derivados do paso do tempo”, detallou o conselleiro. Así, grazas a estes traballos hoxe veciños e visitantes poden contemplar como era orixinalmente esta vía que, desde a súa creación no século XI, xogou un papel fundamental na peregrinación cara Compostela e no desenvolvemento das rutas comerciais.

 

En concreto, a finalidade dos traballos postos en marcha pola Administración autonómica era resolver as patoloxías existentes na ponte. Para tal fin, leváronse a cabo tarefas para consolidar a estrutura mediante recuperación e reforzo dos muros coa instalación duns tirantes de aceiro ancorados ao formigón.

 

Ademais, o proxecto incluíu a recuperación das lastras e da contorna, a renovación do pavimento, a limpeza do empedrado e a creación dun espazo de visionado sobre a ponte dotado con mobiliario urbano e novas sinais informativas.

 

Espazo cheo de historia

A de Pontevea é unha ponte senlleira do patrimonio cultural de Galicia localizada nunha vía de comunicación de orixe romana, cuxa construción é de época medieval. Ao longo da historia sufriu varias reconstrucións e foi escenario de fitos como a Guerra da Independencia ou as loitas contra as tropas napoleónicas desenvoltas a partir do ano 1809 o que ocasionou danos en elementos da estrutura como os arcos.

Comparte