Nova: A Xunta celebra o Día da Biblioteca con actividades infantís, exposicións e obradoiros

23/10/2023

A Xunta celebra o Día da Biblioteca con actividades infantís, exposicións e obradoiros

Co gallo desta efeméride que se celebra mañá, haberá un amplo abano de actividades nos sete centros da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia impulsa unha ampla programación nos sete centros bibliotecarios xestionados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para celebrar o Día da Biblioteca este martes, 24 de outubro. Co gallo desta efeméride, as bibliotecas galegas acollen variadas actividades entre as que se inclúen citas infantís, obradoiros, xornadas de portas abertas e exposicións.

 

A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, realizará unha visita guiada mañá, ás 12,00 horas para coñecer polo miúdo os servizos da institución que conserva o patrimonio bibliográfico galego. Ademais, as persoas que visiten a Biblioteca de Galicia mañá tamén levarán unha bolsa sorpresa de libros. A entidade albergará tamén a exposición As mulleres do Seminario de Estudos Galegos ata o 26 de xaneiro de 2024.

 

En Santiago de Compostela, a Biblioteca Pública Ánxel Casal convida os veciños e visitantes a unha visita guiada aos espazos menos coñecidos do edificio mañá, ás 12,00 horas, así como a desfrutar en familia do espectáculo Radio Bulebule de Paco Nogueiras ás 18,30 horas no salón de actos. Tamén entregarán un lote de libros aos ‘superlectores’ infantís e adultos, pechando a celebración do Día da Biblioteca o mércores cun obradoiro creativo Broches e chaveiros para grandes lectoras e lectores ás 18.30 horas na sala infantil a cargo de O Faiado de Nin para a cativada.

 

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés aposta por impulsar dúas mostras bibliográficas. Unha, que estará dispoñible ata o 30 de outubro, sobre películas imprescindibles para fomentar a diversidade e a inclusión na sociedade, e outra para conmemorar o 50 aniversario da morte do compositor e músico catalán Pau Casals, aberta ata o 31 de decembro. A entidade tamén acollerá o mércores, ás 11,30 horas, o obradoiro Timos a través de Internet: aprender a detectalos para o público adulto. O público infantil tamén terá o seu espazo co espectáculo Maxia de aquí e de acolá: a empatía o día 28, ás 12,00 horas, da man de David Méndez.

 

As exposicións protagonizarán o mes de outubro na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel. Ata finais de mes, os máis pequenos poderán descubrir na sala infantil o papel que xogan as bibliotecas na Axenda 2030, contribuíndo ao desenvolvemento sostible. Pola súa banda, a zona de exposicións amosa ata o 31 de outubro a mostra A escrita desprendida: escritoras bibliotecarias e bibliotecarias escritoras. Ademais, na xornada de mañá haberá visitas guiadas ás 12,30 e ás 18,00 horas, mentres que os nenos de 4 anos en adiante poderán asistir á actividade Contamos con elas de Ana Carreira sobre contos escritos por mulleres ás 18,00 horas. Á mesma hora, a cativada de 0 a 3 anos, poderá desfrutar de cancións, versos e contos con Olga Cuervo nunha actividade que leva por título Un, dous, tres... paxariño inglés!

 

Citas para todos os públicos

Co gallo desta celebración, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola acollerá no salón de actos, ás 18,00 horas, o contacontos ilustrado e musicado A nécora Tarsilla, a cargo de Polo Correo do Vento. O centro disporá ata o 31 de outubro da exposición A biblioteca: un fío invisible na sala infantil cunha selección de libros e audiovisuais sobre estas entidades, así como a mostra Coleccións singulares na Biblioteca Pública de Pontevedra, que estará dispoñible ata o 10 de novembro na entrada da biblioteca para amosar a colección Muruais e a colección das Mendoza.

 

A Biblioteca Pública Nós, de Ourense, súmase a esta efeméride coa presentación do libro Klad. Él loro pegatina de Gemma Pardo para cativos maiores de 4 anos acompañados por un adulto. A cita será hoxe ás 18,00 horas e é necesaria inscrición, a través do teléfono 988 78 86 85. A xornada tamén transcorrerá cunha nova reunión do club de lectura ás 11,30 horas e cunha formación de introdución á Historia da Arte da man de Mercedes Gallego, ás 17,30 horas. Este centro bibliotecario despregará unha exposición de pintura para todos os públicos no vestíbulo do edificio, baixo o título FERRÓ. Para conmemorar a xornada, a biblioteca entregará un pequeno agasallo ás persoas que fagan un préstamo ao longo do día.

 

Por último, a Biblioteca Pública de Lugo acolle as exposicións Lugo no corazón ata o 30 de outubro e Cuestión de xénero: nin raza nin bandeira ata o 17 de novembro. Mañá contan con visitas guiadas ás 12,00 e ás 18,00 horas para coñecer a colección histórica e a plataforma de préstamo dixital Galicia Le. Así mesmo, o vestíbulo do edificio terá dispoñible un centro de interese bibliográfico que albergará obras nas que os propios libros son os protagonistas.

Comparte