Nova: O Premio Otero Pedrayo 2023 recoñece o labor do profesor Darío Villanueva

23/10/2023

O Premio Otero Pedrayo 2023 recoñece o labor do profesor Darío Villanueva

O xurado distingue a traxectoria deste académico e crítico literario pola súa contribución á cultura no campo das letras e do coñecemento

Lugo, 23 de outubro de 2023

O xurado do Premio Otero Pedrayo, impulsado pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais, vén de fallar o galardón deste 2023 a favor de Darío Villanueva, polos seus “méritos no académico, na investigación e na actividade profesional como crítico literario e escritor, así como no institucional”.

 

O premio está dotado con 16.000 euros e recoñece a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e do coñecemento, como é exemplo Villanueva. O xurado, composto por representantes do Goberno galego, das catro deputacións, das universidades galegas, da Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, destacou a traxectoria do vilalbés, autor de numerosos ensaios sobre escritores como Valle-Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Camilo J. Cela ou Emilia Pardo Bazán. Tamén foi presidente da Real Academia Española e reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

 

O Premio Otero Pedrayo busca perpetuar e honrar a memoria do ilustre galeguista, promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

Comparte