Nova: A escritora Sica Romero gaña o XXVII premio San Clemente de novela co que colabora a unta

24/10/2023

A escritora Sica Romero gaña o XXVII premio San Clemente de novela co que colabora a unta

‘Avelaíñas eléctricas’, editada por Nêspera, acada o galardón na modalidade de lingua galega

Brenda Navarro e Nell Leyshon fanse co recoñecemento nas categorías de literatura en linguas castelá a estranxeira

O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto no que o xurado, composto por estudantes de diferentes institutos, comunica a súa resolución

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

A XXVII edición do Premio San Clemente de Novela, convocado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, xa ten gañadores. Na modalidade de novela en galego, fíxose co galardón a escritora de Carnota Sica Romero pola obra Avelaíñas eléctricas. Pola súa parte, nas categorías de literatura en linguas castelá e estranxeira, os vencedores foron Brenda Navarro, por Ceniza en la boca, e Nell Leyshon, por La escuela de canto. A resolución do xurado, composto por estudantes de diferentes institutos tanto de Galicia como de fóra da Comunidade, deuse a coñecer hoxe nunha rolda de prensa que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O representante autonómico destacou a singularidade deste premio “composto por un xurado adolescente que manifesta de primeira man os seus gustos literarios, o cal é un gran recoñecemento a ter en conta polos gañadores”. Ademais, Valentín García quixo agradecer un ano máis a iniciativa do instituto compostelán á hora de organizar este consolidado certame “que promove o hábito lector entre a mocidade, así como a importancia e a riqueza de coñecer diferentes linguas”.

No acto, que acolleu o IES Rosalía de Castro, tamén participaron Xabier Mouriño, director do dito centro; Marta Gende, coordinadora do premio, e as persoas designadas polo xurado para leren a resolución.

 

Xurado adolescente

Como cada ano, o xurado do XXVII Premio San Clemente estivo composto por alumnado do propio Instituto Rosalía de Castro, así como de centros de ensino convidados das catro provincias galegas e do exterior da Comunidade Autónoma: do IES Laxeiro, de Lalín (Pontevedra); do IES da Terra Cha, de Xinzo de Limia (Ourense); do IES Lagoa de Xallas, de Santa Comba (A Coruña); do IES Eduardo Pondal, de Santiago, e do IES Ramiro de Maeztu, de Madrid. Ademais, tamén participaron estudantes dos colexios estranxeiros Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), Hockerill Anglo European College de Londres (Reino Unido) e Grimmelsahusen Gymnasium de Gelhausen (Alemaña).

 

Novelas finalistas

A rapazada integrante do xurado tivo que elixir entre nove novelas finalistas, tres por categoría. En lingua galega disputaron o premio coa obra vencedora Os seres queridos, de Berta Dávila, e Niguén queda, de Brais Lamela, publicadas por Xerais e Euseino?, respectivamente. En castelán, as outras dúas novelas finalistas foron Obra maestra, de Juan Tallón, e Lo demás es aire, de Juan Gómez Bárcena. Por último, na categoría de lingua estranxeira o estudantado valorou, canda o titulo vencedor, La autopista de Lincoln, de Amor Towels, e La promesa, de Damon Galgut.

 

Comparte