Nova: Román Rodríguez anuncia que ‘A Santa’ de Asorey pode visitarse desde hoxe no Museo Zorrilla de Montevideo

31/10/2023

Román Rodríguez anuncia que ‘A Santa’ de Asorey pode visitarse desde hoxe no Museo Zorrilla de Montevideo

O traballo da Xunta para adquirir esta peza remata coa súa incorporación á colección permanente da antiga casa de veraneo do poeta José Luis Zorrilla e de San Martín

O acordo posibilita que, por primeira vez, a figura estea exposta ao público

“Estamos ante unha obra cargada de simbolismo que supuxo rachar con moitos estereotipos polo xeito de representar a muller galega”, destaca o conselleiro

“Gustaríanos moito que ‘A Santa’ se converta nun lugar de peregrinación e de encontro de galegos de todas partes do mundo”, salienta o ministro

O representante autonómico remata hoxe a súa visita institucional a Arxentina e O Uruguai para estreitar lazos en materia educativa, cultural e lingüística

Montevideo (O Uruguai), 31 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou xunto co ministro de Educación e Cultura do Uruguai, Pablo da Silva, o Museo Zorrilla, onde desde hoxe pode verse a escultura A Santa de Asorey, que pertenceu á Casa de Galicia de Montevideo e que foi adquirida polo Goberno autonómico este ano.

Así, a incorporación desta figura á colección da antiga casa de veraneo do poeta José Luis Zorrilla e de San Martín culmina con éxito un proceso de moitos meses de traballo entre a Xunta de Galicia e o Goberno uruguaio. Ademais, tal e como se explicou no acto no que tamén estivo o embaixador de España no Uruguai, Santiago Jiménez, e a coordinadora do Museo Zorrilla, Cecilia Bertolini, o acordo posibilita que, por primeira vez, a figura do escultor Asorey estea exposta ao público de xeito permanente.

Na súa visita, o responsable de Cultura no Goberno galego celebrou “o día de orgullo e celebración que supón para o pobo galego que A Santa estea por primeira vez e de xeito continuado exposta ao público nun museo”. “Recuperamos para o patrimonio público esta icónica figura, unha obra cargada de simbolismo que supuxo rachar con moitos estereotipos da época polo xeito no que se representa a muller galega”, destaca o conselleiro antes de referirse ao acordo que o fixo posible como un reflexo “do traballo compartido entre dous pobos”. “A Galicia contemporánea non se entendería sen o legado da emigración neste continente”, engadiu.

Pola súa banda, o ministro de Educación e Cultura do Uruguai aproveitou a ocasión para facer un chamamento para que esta escultura se converta “nun lugar de peregrinación e de encontro para galegos de todas partes do mundo”. “Esta é unha xornada de festa despois dun proceso largo para construír acordos coa Xunta de Galicia para que esta obra tan icónica e tan representativa da colectividade galega teña un lugar aberto ao público no que poida ser visitada por xente de todo o mundo”, afirmou.

Patrimonio artístico e documental

Ao abeiro deste acordo, o Goberno galego adquiriu boa parte dos bens, entre os que se inclúen obras artísticas que teñen relación coa Galicia do exilio, como A Santa de Asorey, integrada agora na colección permanente do Museo Zorrilla de Montevideo. Tamén fondos documentais e bibliográficos, entre outros obxectos. De feito, o patrimonio documental integrado por libros de actas viaxou xa a Galicia e permanece custodiado no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, en proceso de dixitalización.

 

A Santa do cambadés Francisco Asorey pertenceu á Casa de Galicia de Montevideo entre 1951 e 2021. Posteriormente, foi comprada pola Xunta de Galicia. Foi testemuña do valioso e amplo patrimonio cultural galego do século XX preservado nos centros e sociedades galegas de América e representa unha labrega galega cun corpo espido marcado polo duro traballo portando ademais un xugo de vacas, o que potencia a mensaxe de traballo.

Remate viaxe institucional

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades remata hoxe a súa viaxe institucional a Arxentina e O Uruguai para estreitar lazos en materia educativa, cultural e lingüística cunha visita o Colexio Español del Prado de la Plata, en Bos Aires, e un encontro coa embaixadora de España en Arxentina, María Jesús Alonso, para abordar novas vías de colaboración.

 

Nestes días o representante autonómico compartiu varias xornadas de que incluíron reunións con representantes do padroado da Fundación Galicia-América, xuntanzas con membros da entidade social Ospaña, participación nos actos do 124 aniversario do Centro Galego de Avellaneda ou do 80 do Centro Cultural do Partido da Estrada, así como visitas a centros educativos como o Colexio Santiago Apóstolo e o Colexio Cervantes ou a entidades como o Centro Lalín, Agolada e Silleda.

Comparte