Nova: A Xunta amplía ata os 525.000 € a súa achega para a conservación da igrexa de San Francisco

05/11/2023

A Xunta amplía ata os 525.000 € a súa achega para a conservación da igrexa de San Francisco

Román Rodríguez explica que o acordo inicial increméntase un 50% para dar resposta ás necesidades detectadas na execución dos traballos

A Consellería de Cultura sufraga o 40 % da actuación que estará rematada antes de decembro de 2024 e que se centra na cuberta, fachada, ciborio e baixo cuberta

 

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2023 A Xunta de Galicia ampliará o seu investimento para garantir a conservación da igrexa do convento de San Francisco de Santiago de Compostela ata os 525.000€. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita na que explicou que o acordo inicial se incrementa en 175.000€ para dar resposta ás necesidades detectadas na execución dos traballos.

“A capital galega ten a sorte de contar cun variado patrimonio cultural que vai máis alá da Catedral de Santiago con exemplos como este magnífico convento de San Francisco, un ben de gran valor que temos a obriga de coidar para que se manteña nas mellores condicións”, afirmou o responsable autonómico de Cultura antes de engadir que o obxectivo do Goberno galego “é garantir a adecuada conservación deste conxunto co fin de que siga sendo un patrimonio útil para a cidadanía ao tempo que poñemos en valor a riqueza cultural deste monumento”.

Con este fin, tal e como explicou o conselleiro, no mes de xuño o Consello da Xunta autorizou un convenio de colaboración dotado con 350.000€ entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Orde de Frades Menores da Provincia Franciscana de Santiago para renovar a cuberta da igrexa do convento. “No transcurso da obra os técnicos detectaron danos no ciborio, fachadas laterais e baixo cuberta que era preciso reparar e por iso ampliamos o noso compromiso un 50%”, anunciou Román Rodríguez.

Actuacións xa en marcha

Deste xeito, as actuacións xa en marcha ao abeiro deste convenio contan cun investimento global de 1.358.817€, dos cales a Xunta de Galicia sufraga o 40%. Permitirán reparar os danos da cuberta, incluíndo a estrutura que a sustenta, así como actualizar as placas de fibrocemento, tella e o sistema de evacuación de augas pluviais.

En concreto, os traballos inclúen a retirada de elementos como canlóns e baixantes para limpar e revisar a superficie e reutilizar os elementos de cobre que teñan a sección mínima de cálculo. Tamén está prevista a disposición de novas placas e tellas, a formación de novas limas e encontros que garantan a correcta evacuación das augas pluviais e a eliminación dos canlóns da nave maior para instalar babeiros e novas baixantes.

As novas necesidades detectadas, pola súa banda, contemplan o cambio do canal de encontro entre a cuberta e a fachada principal, a reparación do muro de formigón da fachada principal pola súa cara interior, a reparación da estrutura metálica que soporta a cuberta e a limpeza do encintado da fachada e do ciborio. Por ultimo, substituiranse as ventás do ciborio e as naves baixas e repararase o remate ornamental da cúpula. 

Máis fondos para patrimonio

Esta actuación encádrase no compromiso do Goberno galego para garantir o coidado e posta en valor do patrimonio artístico e cultural da Comunidade, tal e como se reflicte nos Orzamentos de 2024, que contan cun incremento do 7% na partida destinada a rehabilitar e conservar os bens da Comunidade.

Comparte