Nova: Román Rodríguez anima a que o encontro internacional da Ribeira Sacra contribúa a acadar o recoñecemento da UNESCO
06/11/2023
Román Rodríguez anima a que o encontro internacional da Ribeira Sacra contribúa a acadar o recoñecemento da UNESCO
O responsable autonómico de Cultura lembra que este é un “verdadeiro reto de país” que precisa da implicación de todos os axentes para garantir o éxito
Expertos de todo o mundo cítanse esta semana en Nogueira de Ramuín co fin de revitalizar a candidatura a Patrimonio da Humanidade deste territorio
O programa, que se pode seguir tamén vía streaming, inclúe presentacións, conferencias e mesas redondas, entre outras actividades
Nogueira de Ramuín (Ourense), 6 de novembro de 2023
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do encontro internacional Paisaxes da auga: unindo o pasado co futuro, que ata o mércores reúne no Parador de Santo Estevo do concello ourensán de Nogueira de Ramuín unha trintena de expertos de todo o mundo co fin de revitalizar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
Durante a apertura da cita, o responsable autonómico de Cultura aproveitou para agradecer a participación “de expertos de recoñecido prestixio por compartir o seu coñecemento” e animou a que este encontro contribúa a acadar o máximo recoñecemento da Unesco. Nesta mesma liña, destacou a implicación da sociedade civil e fixo un chamamento para seguir afrontando de xeito conxunto “o verdadeiro reto de país que supón poñer en valor e protexer este territorio”. “Este é un proxecto colectivo e só sumando esforzos imos ser capaces de acadar a meta proposta”, engadiu.
“Estamos ante unha comarca definida pola súa espectacular topografía e cunha gran riqueza cultural e paisaxística coa que levamos comprometidos desde o inicio da candidatura”, afirmou. Proba deste compromiso é o investimento de 7,2M€ feito polo Goberno galego para garantir a conservación de 44 bens deste territorio da provincia de Lugo e Ourense con máis de 80 actuacións arquitectónicas e arqueolóxicas.
O acto institucional celebrouse despois da conferencia de António Abreu, director da División de Ciencias Ecolóxicas e da Terra da Unesco, e nel tamén participou a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, así como o director da División de Ciencias da Auga e secretario do Programa Hidrolóxico Intergubernamental da Unesco, Abou Amani; a secretaria xeral da Alianza de Paisaxes Culturais e Sitios Afíns Patrimonio Mundial, María del Pozo; o xefe da Área de convencións Unesco do Ministerio de Cultura e Deporte, Pablo Jiménez; o vicepresidente 2º da Deputación de Ourense, César Fernández, e o alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Carlos Temes. Ademais, tamén asistiron os alcaldes dos concellos da provincia de Lugo e Ourense integrados neste territorio.
Ata o mércores
Este encontro, dirixido por Mónica Luengo e Cipriano Marín, especialistas internacionais con experiencia en candidaturas recoñecidas pola Unesco, prolongarase ata o mércores e que se pode seguir tanto de xeito presencial como vía streaming, inclúe un amplo programa de actividades con presentacións, conferencias e mesas redondas, entre outras iniciativas, nas que participarán representantes de organismos como a Unesco, Icomos, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, así como das universidades e outras institucións.
Tras as conferencias de Henk P. J. van Schaik, vicepresidente honorario do Comité Científico Internacional ICOMOS Auga e Patrimonio; Rafael Mata, catedrático de Análise Rexional na Universidade Autónoma de Madrid; Jurn Buisman, secretario xeral de ICOMOS, e Diederik Six, embaixador especial da Auga e o Patrimonio, o programa de hoxe complétase coas mesas redondas A auga, elemento xerador de paisaxes e Paisaxes da auga, un patrimonio vivo e a actuación musical a cargo de Camerata Arven.
A axenda de mañá, pola súa banda, inclúe as ponencias de Tino Mager, secretario xeral do Comité Científico Internacional ICOMOS Auga e Patrimonio; James Douet, consultor da Conservación do Patrimonio Industrial; Miguel Ángel López García, director da Cunca Sil de Iberdrola; Michel Cotte, profesor emérito da Universidade de Nantes; Carlos Nárdiz, doutor enxeñeiro de Camiños, canais e portos; Alfredo Conti, profesor da Universidade Nacional de La Plata (Arxentina); Josep María Mallarach, da Comisión Mundial de Áreas Protexidas; Heiner Krelling, da Universidade Ca’Foscari, e Jessica Brown, do grupo especializado en paisaxes protexidas.
Ademais, Cipriano Marín moderará a mesa redonda Valores patrimoniais das paisaxes da auga e Mario Crecente a de Coñecemento tradicional e os retos do futuro.