Nova: Máis de 16.000 persoas visitaron xa no Museo Gaiás a exposición Luz na Terra en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos

11/11/2023

Máis de 16.000 persoas visitaron xa no Museo Gaiás a exposición Luz na Terra en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos

Román Rodríguez pon en valor o labor desta institución que foi “determinante na construción da identidade galega, impulsando a modernización cultural e científica de Galicia”

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2023

A exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos: unha institución de alta cultura, que abriu as súas portas o pasado mes de xullo no Museo Centro Gaiás, colleita xa máis de 16.000 visitas. A mostra, organizada pola Xunta de Galicia, encádrase nos actos de conmemoración do centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos e estará aberta na Cidade da Cultura ata o vindeiro 7 de xaneiro.

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe nunha visita á exposición guiada polo seu comisario, o historiador Ramón Villares, na que tamén estiveron presentes o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N) de Portugal, António Cunha, así como dous dos ex-presidentes desta institución, Luis Braga da Cruiz (antigo ministro de Economía) e Luis Valente de Oliveira (antigo ministro do Planeamento).

Román Rodríguez puxo en valor este traballo sobre o centenario do Seminario de Estudos Galegos, “unha institución determinante na construción da identidade galega e grande impulso da modernización cultural e científica de Galicia”, valorando positivamente a afluencia de visitantes á mostra, coa que se quere contribuír a “dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por fundacións e entidades galegas que traballan na preservación do noso patrimonio histórico e cultural”.

Este outono, a exposición Luz na Terra é tamén o marco dun programa especial de actividades destinadas a afondar no legado do Seminario de Estudos Galegos, entre as que se inclúen tanto obradoiros lúdicos e didácticos para a rapazada como un programa de visitas especiais para público adulto, conducidas por algúns dos maiores expertos na historia desta institución, determinante na construción da identidade galega e na posta en valor do noso patrimonio.

Este ciclo estase a desenvolver ao longo de outubro e novembro nas tardes dos martes e as vindeiras datas inclúen visitas co presidente do novo Seminario de Estudos Galegos, o científico e escritor Francisco Díaz-Fierros Viqueira —o 14 de novembro—; co catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa e investigador do Instituto da Lingua Galega da USC, Henrique Monteagudo —o 21 de novembro—, e con persoal do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, coa coordinación do seu director honorario Eduardo Pardo de Guevara —o 28 de novembro—. Todas as visitas son ás 17,00 horas e de balde, e para asistir cómpre facer a reserva de praza na web da cidadedacultura.gal.

Comparte