Nova: A mostra ‘O linogravado dixital’ rende homenaxe a Pablo Picasso con obras de 52 artistas que se mergullaron nesta técnica

16/11/2023

A mostra ‘O linogravado dixital’ rende homenaxe a Pablo Picasso con obras de 52 artistas que se mergullaron nesta técnica

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades colabora co Museo do Gravado de Ribeira para a realización da exposición, obradoiros e un catálogo

Realizaranse dous novos talleres de gravado: o 17, 18 e 19 de novembro e os días 25, 26 e 27 de xaneiro

 

Ribeira (A Coruña), 16 de novembro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da exposición O linogravado dixital. Homenaxe a Pablo Picasso no Museo do Gravado de Ribeira. Esta mostra recolle as obras dos 52 artistas que participaron nos cinco obradoiros de linogravado realizados entre os anos 2022 e 2023 realizados polo museo.

O proxecto de homenaxe a Pablo Picasso está financiado a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital. “Con esta colaboración queremos render homenaxe ao artista Pablo Picasso, quen deixou un legado moi interesante respecto aos linogravados sobre o carácter obxectivo dos procesos técnicos que levou a cabo para obter as súas estampas”, afirmou o director xeral de Cultura.

Pablo Picasso, durante a súa longa e frutífera traxectoria artística, explorou o campo da obra gráfica, onde atopou un medio de creación alternativo ao debuxo e á pintura, ademais de permitirlle unha maior difusión do seu traballo, xa que a obra gráfica posibilita obter varias estampas iguais a partir dunha mesma imaxe-matriz. Entre estas técnicas que espertaron o seu interese atópase o linogravado, co que realizou 199 imaxes.

Durante o acto de inauguración da exposición tamén se presentou o seu libro-catálogo, no que se inclúe unha publicación inédita titulada O gravado en relevo en Galicia. A linoleografía, de J. Daniel Buján, na que se amosa con exemplos de linogravados a historia desta técnica en Galicia.

‘Gyotaku gravado’

O linogravado dixital. Homenaxe a Pablo Picasso está conformada polas pezas que se realizaron nos obradoiros de gravado, impartidos polos profesores José Fuentes, Antonio Navarro e Isabel Carralero, da Universidade de Salamanca. Os alumnos descubriron as técnicas de linogravado que o artista Pablo Picasso empregou nas súas obras, ademais de outras técnicas novidosas impartidas no obradoiro. “Coa realización destes talleres quixemos render homenaxe a este mestre universal”, destacou Anxo M. Lorenzo.

Durante este mes e xaneiro de 2024 realizaranse novos obradoiros de gravado, baixo o nome Gyotaku gravado, para que esta técnica gráfica se expanda a máis persoas. En novembro, o Museo do Gravado de Ribeira acolle estes talleres mañá, o sábado e o domingo, mentres que en xaneiro as datas previstas son os días 25, 26 e 27. 

Comparte