Nova: A Cidade da Cultura acolle este domingo un dos tres únicos concertos en España da xira europea do pianista e compositor italiano Federico Albanese
24/11/2023
A Cidade da Cultura acolle este domingo un dos tres únicos concertos en España da xira europea do pianista e compositor italiano Federico Albanese
O músico, enmarcado na escola de pianistas como Ludovico Eunaudi, presentará o seu último traballo estreado neste 2023, ‘Days of Passage’
Ademais da súa produción discográfica, tamén compuxo bandas sonoras para filmes, series en Netflix ou HBO, publicidade e mesmo desfiles de moda
A actuación forma parte do ciclo ‘Ópticas contemporáneas’ que ofreceu neste outono tres citas musicais clásicas dende unha perspectiva innovadora
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023
A Xunta pecha este domingo na Cidade da Cultura o ciclo musical Ópticas Contemporáneas co último dos tres concertos desta programación de outono. Trátase do pianista italiano Federico Albanese, que chega ao Gaiás cos temas do seu último traballo, Days of Passage, publicado este mesmo ano e co que está de xira por Europa. A de Santiago é unha das súas tres únicas paradas en España, xunto con Málaga e Madrid.
Albanese enmárcase na escola de público doutro recoñecido músico italiano, Ludovico Einaudi. O seu primeiro traballo, The Houseboat and the Moon, saíu no 2014 e o ano pasado realizou unha extensa xira con Before and Now Feels Infinite. Neste 2023 percorre outra vez Europa co seu novo EP, sete temas nos que procesa pensamentos e emocións como unha viaxe á imaxinación.
O tamén compositor e produtor ten creado música para televisión, cine, ballet, desfiles de moda e publicidade. Para o cine compuxo a banda sonora da longametraxe documental de 2019, The Twelve, e máis recentemente a música para a longametraxe principal de Amazon, Autumn Beat (2022) de Antonio Dikele Distefano. As súas composicións tamén foron utilizadas en múltiples producións como Generation de HBO (2021) ou Last Chance U: Basketball de Netflix (2022).
As entradas para o concerto, que terá lugar no Edificio Fontán o domingo ás 19,00 horas, poden adquirirse a través de Ataquilla.com a un prezo de 5€. Tamén se pode acceder e consultar máis información a través da web www.cidadedacultura.gal.