Nova: Rueda destaca a obra de José María Barreiro como crónica visual da memoria colectiva galega

29/11/2023

Rueda destaca a obra de José María Barreiro como crónica visual da memoria colectiva galega

Valora a obra de Barreiro como exemplo de entendemento profundo coa identidade galega

Salienta que Galicia ten un compromiso coa cultura, á que destinará 105 M€ nos presupostos de 2024

Asegura que o traballo artístico de Barreiro funciona como fiestra que permite ás xeracións futuras contemplar a riqueza das nosas tradicións

Santiago de Compostela,  29 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a obra de José María Barreiro como crónica visual da memoria colectiva da nosa comunidade e exemplo de entendemento profundo coa identidade galega.

Así o destacou na inauguración da exposición Barreiro. O silencio que chove luz na xanela no Museo Centro Gaiás, que repasa a obra do artista a través do tempo e de diversos lugares importantes na súa traxectoria vital. A exposición comisariada por Xosé Antón Castro e Pilar Corredoira, consta de 50 pinturas, 7 esculturas e 80 debuxos que repasan a traxectoria profesional do artista.

Na súa intervención, o presidente da Xunta valorou o universo plástico de Barreiro como exemplo de promoción da nosa cultura arredor de todo o mundo. A exposición do Museo Centro Gaiás, concíbese como un relato pictórico, testemuña da historia da nosa terra, tal e como sinalou Rueda.

Un compromiso coa cultura galega

O titular do Goberno galego salientou que a comunidade galega aposta pola cultura, destinando nos presupostos de 2024 a cifra de 105 M€ para este ámbito, co fin de garantir a evolución positiva do sector. Do mesmo xeito, comentou que a actividade económica ligada á cultura representa máis do 3% do PIB galego e da traballo a máis de 35.000 profesionais.

Alfonso Rueda rematou a súa intervención recoñecendo o valor da obra de Barreiro como fiestra que permite ás xeracións futuras contemplar a riqueza da nosa herdanza e conectar coas nosas raíces e tradicións. Asegurou que, como comunidade, temos unha responsabilidade compartida por protexer e resgardar o patrimonio cultural galego.

 

Comparte