Nova: A Xunta impulsa a cultura galega na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, con máis de 15 actividades

30/11/2023

A Xunta impulsa a cultura galega na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, con máis de 15 actividades

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reforza a promoción do sector do libro en Europa e América

A delegación galega, que conta con expositor propio, está composta polos escritores Marilar Aleixandre, Diego Moldes e Brais Lamela, así como pola ilustradora Nuria Díaz

Tamén participan as editoriais Triqueta Verde, Edicións Do cumio, Distribuidora Arnoia, Hércules de edicións e Bululú

Guadalaxara (México), 30 de novembro de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva a cultura galega ata México, coa súa participación esta semana na Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara, o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica.

A delegación galega promovida pola Xunta de Galicia está composta pola subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Rubal; os escritores Marilar Aleixandre, Diego Moldes e Brais Lamela, a ilustradora Nuria Díaz. Na feira tamén están a participar editoriais e distribuidoras galegas como Triqueta Verde, Edicións Do cumio, Distribuidora Arnoia, Hércules de edicións e Bululú.

Esta delegación conta cun expositor no que se exhibe unha selección dos títulos máis recentes dalgunhas das principais editoriais galegas. Ademais, durante esta semana están a desenvolverse máis de 15 actividades distintas de difusión da cultura e do libro galego en México con conferencias como El cine de Alejandro Jodorowsky y sus libros y cómics, prestacións de libros e coloquios como Ni un día sin poesía, ni una poesía sin día ou ¿Qué es la cultura?, entre outras actividades. O expositor da Xunta de Galicia tamén acollerá variados talleres, como o de Escribir novelas juveniles sobre conflictos: las violaciones, la esclavitud, da man de Marilar Aleixandre.

A participación de Galicia nesta feira internacional enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marcha pola Administración autonómica a través do sector editorial nas principais citas internacionais do libro. A presenza do sector do libro galego en México pon fin á axenda internacional das feiras do libro, tras estar presente tamén nas de Boloña, Bos Aires e Frankfurt.

Xeración Cultura

O compromiso da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co sector do libro galego materialízase a través do Plan de impulso ao libro, unha das seis iniciativas previstas no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada de 34 M€ para reforzar con novas propostas o momento de creación e expansión do sector cultural galego e xuntar esforzos desde a colaboración público-privada para a xeración de riqueza.  

O Plan de impulso ao libro galego deste 2023 conta cun investimento de 3 M€ e medidas consolidadas ás que se suman 11 novas iniciativas que permitirán adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores. As accións abarcan as áreas de apoio á creación, impulso á edición e distribución, proxección exterior, difusión e apoio ás bibliotecas públicas.

Comparte