Nova: Román Rodríguez comparte con representantes do sector en Culturgal as expectativas para o vindeiro ano e felicítaos polo traballo desenvolvido
02/12/2023
Román Rodríguez comparte con representantes do sector en Culturgal as expectativas para o vindeiro ano e felicítaos polo traballo desenvolvido
O conselleiro de Cultura asiste á posta en marcha do estudo ‘Diagnose da industria musical de Galicia’ a cargo da Asociación Galega de Empresas Musicais
O concerto da xira de despedida de Leilía e a presentación do programa expositivo do Museo Centro Gaiás son as principais actividades da axenda da Xunta para hoxe
Pontevedra, 2 de decembro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu hoxe á presentación da posta e marcha do estudo Diagnose da Industria musical de Galicia, un informe que elaborará a Asociación Galega de Empresas Musicais co apoio da Xunta de Galicia para avaliar o impacto da actividade musical na nosa Comunidade. Así se avanzou marco da 16ª edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que se celebra ata mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O titular de Cultura da Xunta de Galicia puido compartir con representantes do sector as expectativas e novidades da oferta cultural para o vindeiro ano, así como felicitar aos profesionais polo bo traballo feito este 2023. “Temos unha cultura da que nos podemos sentir tremendamente orgullosos e iso, en boa parte, é grazas ao bo facer de todos os profesionais implicados nas industrias culturais”, salientou Román Rodríguez.
A Xunta de Galicia repite este ano como principal entidade patrocinadora da feira, coa que tamén colabora mediante a promoción directa dunha trintena de actividades tanto no expositor institucional como noutros espazos do recinto ferial. O concerto da xira de despedida de Leilía, que terá lugar ás 21,00 horas, é a principal actividade da programación prevista na programación do Goberno galego para o día de hoxe.
Concertos, experiencias virtuais e videoxogos
A axenda inclúe propostas como a recreación en realidade virtual do Portomarín asolagado grazas ao proxecto Galiverso, o vello Portomarín, dispoñible durante todo o horario da feira. E tamén pode verse un petisco de Hábitats. Natureza estendida, a nova experiencia sensorial inmersiva que atravesa a diversidade de ecosistemas do planeta, nunha viaxe polos cinco continentes e que abrirá ao público o vindeiro martes no Gaiás.
Precisamente, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentan esta mañá no espazo Arte as novidades da programación expositiva do Gaiás e do seu programa de itinerancias. Estiveron acompañados do artista Xosé María Barreiro e os comisarios da súa mostra, Xosé Antón Castro e Pilar Corredoira; do autor do deseño e idea conceptual de Hábitats. Natureza estendida, Carlos Seijo, e tamén o comisario do proxecto Cidades no tempo, Manuel Gago, acompañado dos coordinadores locais das mostras que chegan en 2024 a Pontevedra, Milagros Bará, e a Ourense, José María Eguileta.
Tamén as familias que hoxe se achegan a Culturgal gozan dun adianto da programación do Nadal no Gaiás, a través das sesións de xogo Lugh. Territorios luminosos, que enas próximas semanas chegarán á instalación que ambientará o Hall de tirantes do Museo.
Ademais da programación da Cidade da Cultura, o expositor da Xunta tamén acolle a performance de Pistacatro Orquestra Malabar#3 en pases ás 12,30, 13,30, 17,30 e 18,30 h. Ao longo da tarde sucederanse, ademais, tres presentacións do CGAC: 3, 2, 1 Artistas en acción (17,00 h), o catálogo da exposición de René Heyvaert e a colaboración permanente coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra.