Nova: Centos de visitantes coñecen no expositor da Xunta en Culturgal os principais fitos para 2024
03/12/2023
Centos de visitantes coñecen no expositor da Xunta en Culturgal os principais fitos para 2024
O Goberno galego repite como principal patrocinadora da Feira das Culturas Galegas que celebra a súa última xornada con numerosas propostas
O director xeral de Industrias Culturais e o secretario xeral de Política Lingüística acompañan o sector profesional en distintas citas este domingo
A Xunta de Galicia conclúe hoxe a súa participación na 16ª edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que se celebra desde o venres no Pazo da Cultura de Pontevedra, logo de tres días difundindo entre os centos de visitantes os principais fitos da oferta cultural de 2024. Faino con novas propostas no seu propio expositor entre as que se inclúen experiencias de realidade virtual, maxia, narración oral e proxeccións audiovisuais. O director xeral de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, encabezan a representación do Goberno autonómica nesta terceira xornada.
O Goberno galego repite nesta edición como principal patrocinadora da feira na que, ademais de contar cun stand propio con centros de visitantes, colabora coa programación a través dunha trintena de actividades dirixidas a todos os públicos para dar a coñecer algunhas das novidades e captar novos públicos para o vindeiro ano.
A programación complétase hoxe con actividades para a toda a familia que inclúen as experiencias de realidade virtual e aumentada Galiverso. O vello Portomarín, que amosa un paseo por esta vila antes de ser asolagada polo encoro de Belesar,e Hábitats Natureza Estendida, ambientada na catarata de Yumbilla no Perú. Ambas están dispoñibles na aula 4 e 7, respectivamente, en horario de 12,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 h.
Ademais, o expositor da Xunta ofrece un espectáculo de maxia de preto a cargo de Joshua Kenneth, mago gañador en 2023 do Premio Frakson, galardón que se outorga ao mellor ilusionista de escena de España, e unha sesión de contacontos tradicionais para toda a familia con Atenea García como protagonista. O primeiro deles ten lugar pola mañá, en dobre pase de 12,30 e 13,30 horas, mentres que o segundo é ás 17,30 e 18,30. Por último, a partir das 18,30 horas, a aula 1 acolle a proxección das tres curtas gañadoras da edición deste ano de Pequefilmes, o festival de cinema miúdo da Cidade da Cultura.
Toda a programación da Xunta de Galicia en Culturgal poden consultarse en cultura.gal.