Nova: A Xunta pon en valor o labor arquivista de Olga Gallego polo centenario do seu nacemento no Arquivo Histórico de Ourense

14/12/2023

A Xunta pon en valor o labor arquivista de Olga Gallego polo centenario do seu nacemento no Arquivo Histórico de Ourense

A mostra, que estará dispoñible ata o 26 de xaneiro, conta cunha entrevista inédita en formato audiovisual da recoñecida bibliotecaria

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, tamén inaugura a exposición UVA: unha carpeta de gravados sobre o mundo do viño en Ribadavia

 

Ourense, 14 de decembro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou a exposición Centenario de Olga Gallego (1923-2023) no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Unha mostra que rende “homenaxe a esta bibliotecaria e arquivista no centenario do seu nacemento, e que se suma ás outras mostras e actos que se están a celebrar desde a Xunta de Galicia este ano”, explicou o representante de Cultura durante o acto.

Con esta nova mostra, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades amosa o seu compromiso coa cultura galega en todas as súas vertentes e pon en valor os traballos divulgados sobre a figura de Olga Gallego. Esta exposición, composta por 18 documentos orixinais, fai un percorrido pola vida e obra de Olga Gallego, unha das principais figuras intelectuais do Ourense da segunda metade do século XX.

Anxo M. Lorenzo salientou a “personalidade de Olga Gallego, que destacou nun mundo cultural con escasa presenza da muller e foi un referente para a arquivística española e iberoamericana”. “Foi unha autora fundamental na historiografía relativa á cidade e provincia de Ourense e a primeira muller en entrar na Real Academia Galega”, engadiu.

No percorrido desta mostra pódese ver unha selección das súas publicacións máis destacadas agrupadas en tres apartados: os estudos históricos, a teoría arquivística e os instrumentos de descrición arquivística e publicacións de fontes documentais. Destaca unha entrevista inédita en formato audiovisual con Olga Gallego feita polo propio Arquivo. A exposición estará dispoñible ata o 26 de xaneiro de 2024.

O viño e Galicia desde Ribadavia

O director xeral de Cultura tamén se achega esta tarde ata o Museo do Viño de Galicia de Ribadavia para inaugurar a exposición UVA: unha carpeta de gravados sobre o mundo do viño do artista Xosé Poldras e presentar a publicación Colección vitivinícola 3. As etiquetas para difundir o patrimonio vitivinícola galego.

A exposición de Poldras, comisariada por Carlota Barrenetxea, combina dúas das súas facetas como artista: a estampa de imaxes que seguen unha serie de fíos comúns xunto coa edición de carpetas onde o artista relaciona os seus gravados con poemas recollidos de diferentes partes do mundo. UVA orienta “a creación ao mundo do cultivo das vides procurando render unha homenaxe ao viño e ás xentes que o traballan”, remarca durante a inauguración Anxo M. Lorenzo.

Ademais, na xornada tamén se presenta a Colección vitivinícola 3. As etiquetas, da man da profesora de Historia da Arte da USC Miriam Elena Cortés. Unha obra que se presenta como un estudo das etiquetas con interese desde a Historia da Arte, a publicidade e a antropoloxía, debido a que son mensaxes encubertas que, en ocasións, aparecen coa finalidade de vencellar o viño a unha clase social práctica ou actividade.

Comparte