Nova: A mostra Alfonso Soto Fon amosa a traxectoria do artista desde o Museo Etnolóxico de Ribadavia
28/12/2023
A mostra Alfonso Soto Fon amosa a traxectoria do artista desde o Museo Etnolóxico de Ribadavia
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, pon en valor a obra do pintor e escultor por ser “inusual e moi experimental”
Ribadavia (Ourense), 28 de decembro de 2023
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da mostra Alfonso Soto Fon no Museo Etnolóxico de Ribadavia, unha recompilación da obra deste artista autodidacta e multidisciplinar nacido en Ribadavia na década dos 50.
A exposición, que estará dispoñible ata o mes de marzo de 2024, conta con 54 obras de Alfonso Soto, entre as que destacan as pinturas de gran formato nas que o artista reinterpreta diferentes movementos vangardistas do século XX como o cubismo ou o expresionismo e aborda temas de carácter reivindicativo, persoais, culturais e simbólicos.
Ademais das pinturas, a exposición mostra un conxunto escultórico de pequeno formato de obras feitas en metal durante a súa etapa como obreiro nunha fábrica de material eléctrico en Ourense. Tamén resalta nesta mostra o labor do artista como deseñador para a firma Adolfo Domínguez, na que fixo roupa para home e para muller, así como complementos que están expostos no Museo Etnolóxico.
Anxo M. Lorenzo cualificou a Alfonso Soto como “un artista inusual e moi experimental” debido as técnicas e materiais que emprega nas súas obras. Nesta primeira exposición, comisariada pola técnica de museos Támara Bescansa, dáse a coñecer a primeira etapa artística de Alfonso Soto, mentres que “nunha segunda exposición tratarase de amosar a evolución do artista cara a formas máis abstractas”, engadiu Anxo M. Lorenzo.