Nova: O conselleiro de cultura lembra a Valle-Inclán e a Díaz Pardo co gallo do aniversario dos seus pasamentos
05/01/2024
O conselleiro de cultura lembra a Valle-Inclán e a Díaz Pardo co gallo do aniversario dos seus pasamentos
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2024
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, lembrou a Ramón María del Valle-Inclán e a Isaac Díaz Pardo na ofrenda floral celebrada esta mañá no cemiterio de Boisaca para conmemorar o 88 aniversario de Valle-Inclán e os 12 anos do pasamento de Díaz Pardo, soterrados ambos neste cemiterio compostelán. “Aquí tamén repousan dous dos últimos autores homenaxeados no día das Letras Galegas, Antón Fraguas e Ricardo Carvalho Calero”, sinalou Román Rodríguez.
O representante da Xunta de Galicia, xunto cunha ampla representación institucional, da cultura e familiares dos homenaxeados, puxo en valor a figura dos ilustres escritores pola súa extraordinaria relevancia no século XX e puntualizou que neste 2024 “se cumpren nada menos que 125 anos da primeira obra de teatro de Valle-Inclán, Cenizas, drama en tres actos”. Máis alá do seu talento e traballo, Román Rodríguez destacou a fonda pegada humana que deixaron Díaz Pardo e Valle-Inclán en Galicia.