Nova: Rueda destaca o novo espertar cultural que atravesa a cultura galega ao constituír unha marca recoñecida dentro e fóra da comunidade
11/01/2024
Rueda destaca o novo espertar cultural que atravesa a cultura galega ao constituír unha marca recoñecida dentro e fóra da comunidade
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe como un “novo espertar” o momento actual que está a vivir a cultura galega con máximos indicadores en emprego, riqueza xerada e promoción. O titular do Goberno referiuse así na súa intervención no primeiro pleno do ano do Consello da Cultura Galega, ao que asistiu acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Neste sentido, Rueda salientou a “marca propia” que acadou a creación cultural na comunidade, a cal é recoñecida en todo o mundo. Así, animou a seguir traballando para contribuír á súa conservación, así como garantir o acceso universal á mesma e manter ese carácter “inclusivo, plural e diverso” co que conta actualmente.
O presidente da Xunta puxo en valor a función do Consello da Cultura Galega como un órgano estatutario que, desde a súa creación, promoveu unha Galicia integradora, que “defende a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa lingua e é excepcional se miramos ao conxunto das Comunidades autónomas”. Alfonso Rueda subliñou, ademais, que o ano que acaba de comezar traerá para Galicia acontecementos que enriquecerán aínda máis a súa bagaxe cultural, desde a celebración das Letras Galegas en homenaxe a Luísa Villalta ata as efemérides e actos que conmemorarán a figuras como Francisco Asorey (Día das Artes), Chichi Campos (Día da Ilustración) ou o 25 cabodano do pasamento de Gonzalo Torrente Ballester.