Nova: Bota a andar en Carral o centro de animación Amiga Space co apoio do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia

19/01/2024

Bota a andar en Carral o centro de animación Amiga Space co apoio do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asiste ao evento de presentación desta iniciativa, subvencionada con 100.000 euros a través do fondo tecnolóxico para a compra de equipamentos e acondicionamento de instalacións

O gañador dun Goya Xosé Zapata é o impulsor desta escola que, ademais da actividade formativa no ámbito da imaxe dixital e o cinema de animación, acolle un ‘coworking’, un plató virtual e unha sala de posprodución

 

Carral (A Coruña), 19 de xaneiro de 2024

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu esta tarde ao evento de presentación de Amiga Space, novo centro de formación, difusión e produción de cinema de animación e imaxe dixital con sede no concello coruñés de Carral. Esta iniciativa do realizador Xosé Zapata, gañador dun Goya á mellor curtametraxe de animación por The Monkey, conta para a súa posta en marcha cunha das subvencións do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia.

En concreto, o proxecto de Amiga Space é un dos 42 adxudicatarios da convocatoria do fondo tecnolóxico destinado á adquisición de equipamentos e ao acondicionamento de platós, estudios e outras instalacións técnicas, co fin de impulsar a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega.

Instalado no antigo colexio Víctor Velasco de Carral, o centro dispón dunhas instalacións de máis de 500 mque albergan un espazo de coworking con capacidade para 13 empresas, unha aula de formación, un plató virtual e unha sala de posprodución. Trátase dunha proposta pioneira en Galicia pola súa especialización en imaxe dixital e animación, tanto no ámbito do cinema como no dos videoxogos, que busca funcionar como punto de encontro creativo e profesional para impulsar a innovación e o desenvolvemento nestas áreas.

Máster en Blender

A súa actividade formativa dará comezo nos vindeiros días cun máster en modelado 3D con Blender, unha ferramenta multiplataforma moi empregada na actualidade tanto na creación independente como nas producións cinematográficas, publicitarias e de videoxogos.

No evento desta tarde estreouse, así mesmo, a curtametraxe Avetimología, realizada no plató de Amiga Space baixo a dirección de Xosé Zapata, xunto coas proxeccións do seu making of, asinado por Marcos Martínez e María Gutiérrez, e da peza Cardoña, fotos a 7 pesetas, de Carlos Lorenzo.

O Hub Audiovisual Industria Cultural Galega foi desenvolvido pola Xunta con financiación da Unión Europea no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia.

Comparte