Nova: A Cidade da Cultura acolle na fin de semana a proxección do mellor cinema infantil internacional coa oitava edición do festival Pequefilmes

23/01/2024

A Cidade da Cultura acolle na fin de semana a proxección do mellor cinema infantil internacional coa oitava edición do festival Pequefilmes

Haberá tres seccións por idades: ‘Vagalumes’, dirixida a nenas e nenos de 0 a 3 anos, ‘Miñocas’ a partir de 4 anos e ‘Fanecas’ para maiores de 7

As curtas poderán verse no Edificio CINC do Gaiás o 26, 27 e 28 de xaneiro, cunha programación que contempla 31 estreas en Galicia e nove en España

As entradas están á venda en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás por 3€, ademais de poder adquirirse o propio día antes da proxección se hai prazas dispoñibles

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana unha selección do mellor cinema para público miúdo coa oitava edición de Pequefilmes. O festival internacional de curtametraxes infantís proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países repartidas nas xornadas do venres 26, o sábado 27 e domingo 28.

Ademais de gozar en familia dos filmes, os nenos e nenas tamén se converterán en pequenos críticos de cine, xa que será a cativada a encargada de elixir cos seus votos as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.

A programación distribúese en tres seccións por idades: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos de idade; Miñocas, a partir de 4 anos, e Fanecas, con pezas dirixidas a espectadores a partir dos 7 anos. As proxeccións serán no Edificio CINC da Cidade da Cultura e xa poden adquirirse as entradas de maneira anticipada a través de Ataquilla ou no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás a un prezo de 3€. Tamén se poderán mercar no propio CINC os mesmos días das sesións antes de cada proxección, no caso de que queden prazas dispoñibles.

Na web www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación detallada.

Producións galegas e colaboracións internacionais

O festival infantil conta este ano entre as súas producións con 31 estreas en Galicia e nove en España. Ademais, entre a programación destacan dúas curtas galegas e en lingua galega. Trátase de O monstro e a nena de Jorge Juan Costas Mira e Morte e o meu avó de Gon Caride.  

A programación conta tamén con filmes que recibiron importantes recoñecementos en prestixiosos festivais. É o caso da produción portuguesa Ice merchants de João Gonzalez, con nomeamento ao Oscar e premio á Mellor Curta Animada no Festival de Cine Infantil de Chicago, o máis importante do mundo neste xénero. Outras das cintas destacadas son Varken, premio á Mellor Curta Europea en Weird Market ou A white-white day distinguida como Mellor Curtametraxe Infantil en Insomnia.

Co obxectivo de apuntalar a difusión e crecemento internacional de Pequefilmes, fóra de concurso poderá verse, de balde previa retirada de convite, unha escolma de películas proxectadas nas últimas edicións de dous dos festivais de curtametraxes e cinema para a cativada máis relevantes de Europa: o Festival Clermont-Ferrand e o IndieJúnior do Porto.

Pequefilmes volve nesta edición cuns obradoiros complementarios para que a cativada, ademais de ser espectadora, tamén poida experimentar co cinema e crear as súas propias producións, actividade para a que xa se esgotaron as entradas.

Comparte