Nova: A Xunta revitaliza en Fitur a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
26/01/2024
A Xunta revitaliza en Fitur a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anima a coñecer este territorio cunha gran riqueza cultural e paisaxística
“Esta é unha comarca intimamente ligada á cultura da auga e que conta cun profundo legado que traballamos para poñer en valor e protexer”, afirma
Madrid, 26 de xaneiro de 2024 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación Máis Ribeira Sacra organizada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no expositor institucional da Xunta de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades animou a coñecer este territorio cunha gran riqueza cultural e paisaxística e revitalizar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
“A Ribeira Sacra é unha comarca de máis de 180 quilómetros que está intimamente ligada á cultura da auga e que conta cun profundo legado patrimonial, histórico, arqueólogo e etnolóxico que traballamos para poñer en valor e protexer”, sinalou Anxo M. Lorenzo. Tal e como explicou, isto faise contando “co compromiso de todos os axentes presentes no territorio”, o que posibilita que hoxe a Ribeira Sacra “sexa un territorio máis vivo, coidado e recoñecido” no seu camiño cara a Unesco.
Neste senso, o director xeral de Cultura agradeceu a dedicación dos profesionais do turismo e a súa implicación para “dar a coñecer un dos nosos maiores tesouros” dun xeito sustentable. “Estamos a falar dunha comarca definida pola súa espectacular topografía que funciona como reclamo para visitar a nosa terra e que temos a obriga de divulgar demostrando a súa importancia para o patrimonio universal”, engadiu.