Nova: A Xunta e Agadea lanzan o III Premio de Literatura Infantil “Simbad para o Recordo e o Alzhéimer”
05/03/2024
A Xunta e Agadea lanzan o III Premio de Literatura Infantil “Simbad para o Recordo e o Alzhéimer”
O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación deste certame que busca concienciar sobre as enfermidades que implican deterioración cognitiva
Os participantes teñen ata o 1 de xullo para presentar os seus orixinais, que poderán pertencer a calquera xénero propio da literatura infantil
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da III edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, impulsado pola asociación Agadea Alzhéimer co apoio da Xunta e de varios concellos galegos. O obxectivo deste certame é sensibilizar este doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, salientou a consolidación deste certame e animou a todos os creadores e creadoras en lingua galega a “participar deste proxecto que, a través da palabra escrita, busca conectar as xeracións máis vellas, que son as que sofren dunha maneira máis acusada estas doenzas, coa rapazada, a quen se dirixen os traballos presentados”.
Na rolda de prensa, que tivo lugar no compostelán pazo de San Roque, tamén participaron a presidenta de Agadea, Isabel Gey, e os escritores Francisco Castro e Ánxela Gracián, padriño e secretaria do Premio, respectivamente.
Promoción da literatura en galego
O Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer parte da inspiración dunha obra pioneira neste campo en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, e busca sensibilizar sobre as devanditas enfermidades, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego.
As persoas interesadas en participar deben ser maiores de 18 anos e poderán enviar os seus orixinais inéditos desde hoxe ata o 1 de xullo. A temática das obras -que poderán ser novela, poesía, álbum ilustrado ou novela gráfica- terá que estar relacionada co alzhéimer, coa memoria e os recordos, coa sensibilización das demencias, coas persoas anciás, coas actividades interxeracionais, coas persoas coidadoras ou demais temáticas arredor destas doenzas.
O gañador, que recibirá 3000 euros, así como a posibilidade de ver publicada a súa obra, será anunciado en setembro co gallo do Día Mundial do Alzhéimer e unirase a Raquel Castro e Ignacio Vidal, galardoados na primeira e segunda edición, respectivamente.
As bases completas da convocatoria e o proceso de participación poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.