Nova: A Xunta enxalza o legado do filólogo negreirés Xosé Luís Pensado no centenario do seu nacemento

15/03/2024

A Xunta enxalza o legado do filólogo negreirés Xosé Luís Pensado no centenario do seu nacemento

O secretario xeral de Política Lingüística participa na apertura do simposio organizado polo Centro Ramón Piñeiro que conmemora a vida do escritor

Desenvólvese entre Santiago e Negreira con conferencias sobre a vida, obra e achegas deste significado lingüista e a descuberta dunha placa na súa casa natal

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Compostela na apertura do simposio Xose Luís Pensado, 100 anos (1924-2024), organizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta para conmemorar o centenario do nacemento do filólogo negreirés, máximo estudoso e reivindicador da figura do padre Sarmiento.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades loou a figura “deste eminente filólogo do século XX que se ocupou de Galicia, da súa lingua e cultura, cando aínda non había unha filoloxía galega consolidada e que deu a coñecer mediante  investigacións e edicións de calidade a obra sobranceira do Padre Sarmiento, claro precedente na reivindicación e no estudo do galego, pero tamén outras obras senlleiras do noso pasado medieval”. Neste sentido, destacou que este traballos de difusión “sen dúbida contribuíu ao prestixio da literatura e da lingua propia de Galicia cando se atopaba nas súas horas máis baixas”.

Tras o acto inaugural na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a xornada, que se desenvolve durante todo o día entre a capital  galega e Negreira, comezou o ciclo de conferencias sobre a vida, obra e achegas deste significado lingüista. Da man dun grupo de docentes universitarios e de especialistas relacionados coa figura de Pensado, as seis disertacións céntrase en aspectos concretos como a súa contribución aos estudos do padre Sarmiento, as ideas sobre a gheada, a súa destacada presenza no ámbito universitario ou a relación que mantivo con institucións como a Real Academia Galega e a USC.

O simposio porá o broche de ouro durante o serán coa descuberta dunha placa conmemorativa na casa natal do propio Xosé Luís Pensado, en Negreira.

Unha vida ao servizo da lingua

Xosé Luís Pensado (Negreira, 1924- Salamanca, 2000) foi un filólogo, lingüista e profesor

que, entre outros aspectos, dedicou parte da súa vida á edición da obra do ilustrado frei Martín Sarmiento.

Estudou os dous primeiros cursos de Filosofía e Letras en Santiago para trasladarse despois a Madrid, onde cursou a especialidade de Filoloxía Románica e fixo a tese de doutoramento con Dámaso Alonso, con quen traballou ata que en 1957 gañou por oposición a cátedra de Filoloxía Románica da Universidade de Oviedo. De aí pasou  á Universidade de Salamanca, cidade onde permaneceu ata a súa morte no ano 2000.

Foi membro de número da Real Academia Galega, correspondente da Real Academia Española e membro de honra da Academia de la Llingua Asturiana. Ademais, é autor  de numerosos artigos sobre temas lingüísticos do século XVIII e doutras épocas, colaborou con Grial, publicou libros en Galaxia e divulgou temas relevantes da nosa realidade lingüística na prensa diaria.

Comparte