Nova: Rueda destaca que a futura Rede Adival de dinamización cultural no eido rural vai beneficiar a dous millóns de galegos
16/03/2024
Rueda destaca que a futura Rede Adival de dinamización cultural no eido rural vai beneficiar a dous millóns de galegos
Salienta que a rede se constituirá como unha asociación voluntaria para promover a colaboración entre entidades e administracións e a previsión é que estea constituída este ano
A finalidade é ampliar a oferta cultural nas áreas non urbanas, garantir que teñen programacións regulares e impulsar proxectos que dinamicen a economía e o turismo
O sector cultural conta con máis de 5.000 entidades en Galicia, as que representan o 3% do PIB galego, xera máis 36.600 empregos e conta con máis de 2.100 empresas
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2024
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a futura Rede Adival de Dinamización cultural no rural -que a Xunta vai poñer en marcha este ano- beneficiará a máis de dous millóns de galegos e galegas, é dicir, ao 70% da poboación da comunidade. “O obxectivo é darlle vida ao noso rural a través da cultura e darlle tamén vida á nosa cultura a través do rural; mesturados, son marca Galicia”, asegurou.
Tal e como explicou Rueda durante a presentación da Rede nun acto en Santiago, o obxectivo é que funcione coma unha asociación voluntaria na que as entidades públicas e privadas adheridas colaboren entre si e coas administracións para potenciar a cultura nas áreas non urbanas. “Aquí ten que caber todo o mundo, cada un cos seus esforzos, as súas posibilidades, as súas inquedanzas, as súas ganas... Trátase dunha idea ambiciosa pero estou seguro de que, se hai a resposta que creo que imos ter, isto pode ser un gran proxecto que dinamice Galicia, a nosa cultura, e ao final nos faga máis grandes como pobo” indicou.
Así, a Rede busca ampliar a oferta cultural nas vilas e localidades máis pequenas, garantir que contan cunha programación regular, impulsar proxectos que axuden a dinamizar a economía da contorna e fixar poboación, ao mesmo tempo que procura promover o turismo cultural no rural galego.
Acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, o presidente destacou que a cultura galega está a vivir un dos seus mellores momentos, cun consumo e unha demanda histórica. Non en van, este sector supón unha parte moi importante para a economía galega, pois conta con máis de 5.000 entidades culturais, entre asociacións fundacións e outras. Estas representan o 3% do PIB galego, dan emprego a máis de 36.600 persoas e superan as 2.100 empresas.
Ademais, destacou que esta Rede de traballo colaborativo tamén vai valer para atraer máis xente á nosa terra, xa que “engarzamos ao turismo coa palabra cultura será moitísimo máis sostible”.
Por último, Rueda fixo fincapé na importancia da cultura como signo de identidade e de unión dun pobo e agradeceu o labor diario que realizan as entidades e asociacións para promover e achegar este ben a todos os recunchos da comunidade.