Nova: A Semana Santa de Viveiro lucirá este ano a talla do Cristo da Veracruz tras a restauración da Xunta
20/03/2024
A Semana Santa de Viveiro lucirá este ano a talla do Cristo da Veracruz tras a restauración da Xunta
A Confraría da Venerable Orde Terceira Franciscana, unha das máis antigas de Viveiro, sacará a imaxe en procesión o Martes Santo
A actuación do Goberno galego centrouse nunha limpeza a fondo da peza para, a continuación, mellorar as súas condicións de conservación e consolidación
Ademais desta intervención, a Consellería de Educación tamén ten en marcha traballos en catro centros educativos cun investimento de 1,16M€
Viveiro (Lugo), 20 de marzo de 2024
A Semana Santa de Viveiro, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, contará este ano coa talla do Cristo da Veracruz renovada tras a restauración realizada pola Xunta de Galicia. Así o comprobou hoxe nunha visita o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, á Igrexa de San Francisco.
A Confraría da Venerable Orde Terceira Franciscana, unha das máis antigas desta celebración, procesionará con esta imaxe o vindeiro Martes Santo. Farano tras a actuación financiada polo Goberno galego centrada nunha limpeza a fondo para, a continuación, mellorar as súas condicións de conservación e consolidación. “Estamos ante unha talla de gran calidade patrimonial e artística que reflicte os grandes tesouros que se conservan nas diferentes confrarías de Galicia”, explicou Román Rodríguez.
O responsable autonómico de Cultura lembrou que esta actuación enmarcase no “firme compromiso do Goberno galego por restaurar, conservar e protexer o legado patrimonial da Comunidade”. Con esta finalidade, tal e como sinalou, a Xunta de Galicia leva varios anos aumentando o investimento nesta materia para “poñer en valor e impulsar a recuperación do noso legado máis sobranceiro”.
Os traballos que veñen de rematar comezaron coa limpeza de polvo e a eliminación dos restos de sucidade acumulados polo paso do tempo e despois consolidar o soporte mediante a utilización de resinas co fin de devolver a cohesión e a consistencia á peza. Posteriormente, procedeuse a unha limpeza química e a reposición de material e volumes.
O proxecto completouse cos labores de estucado e reintegración cromática das lagoas para rematar cun proceso de vernizado e encerado que proporcione unha capa de protección fronte á acción fotoquímica da luz visible, as radiacións ultravioletas, os axentes químicos ou a oxidación producida polo oxixeno, a humidade ou o pó. Cómpre destacar que todo o traballo estivo marcado pola importancia de conxugar o criterio estético coa salvagarda do valor cultural e artístico desta talla.
Outros investimentos
Ademais desta intervención, a Consellería de Educación tamén ten marcha ou para iniciar nos vindeiros meses obras en catro centros educativos cun investimento de 1,16M€. Así, no caso do Colexio CEIP de Covas está previsto que, cando remate o curso, se retomen os traballos para instalar unha cuberta no patio cun investimento de máis de 110.000€.
Ademais, actualmente están en redacción os proxectos para actuar no CEIP Santa Rita, onde se acometerán diferentes melloras sectoriais a través dunha achega de 500.000€; no de Celeiro, no que está previsto actuar sobre fiestras e portas e crear un novo baño adaptado cun investimento de 300.000€, e no Instituto IES Vilar Ponte, cuxos traballos, dotados con 250.000€, centraranse na substitución de ventás e portas do edificio pequeno.