Nova: As bibliotecas móbiles do rural galego terán unha terceira ruta tras atender a máis de 14.300 persoas no seu primeiro ano

21/03/2024

As bibliotecas móbiles do rural galego terán unha terceira ruta tras atender a máis de 14.300 persoas no seu primeiro ano

  • Tras o éxito colleitado, a Xunta destinará máis de 650.000€ a esta iniciativa co fin de mellorar o servizo e poñer en marcha a terceira ‘A Furgoteca’
  • Nos primeiros 12 meses realizáronse preto de 1.400 carnés, fixéronse case 15.000 préstamos e impulsáronse un total de 335 actividades con máis de 6.600 asistentes
  • A ampliación deste proxecto reflicte o compromiso do Goberno galego coa prestación de recursos bibliotecarios de calidade en todo o territorio, en liña cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
  • Prevese que a nova ruta comece a funcionar en setembro en dez novos concellos: Lobeira, Muíños, Padrenda, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea

A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles de Galicia no rural de Lugo e Ourense, ampliará a súa cobertura cunha terceira ruta logo do éxito colleitado desde o seu comezo, en marzo de 2023. Así, tras atender a máis de 14.300 persoas no seu primeiro ano de funcionamento, a Xunta de Galicia destinará máis de 650.000€ a este proxecto, co fin de reforzalo e poñer en marcha unha terceira liña.

 

O Goberno galego proponse así consolidar e ampliar territorialmente ese proxecto,  amosando o seu compromiso coa calidade da oferta bibliotecaria en toda a Comunidade e para toda a cidadanía, promovendo o acceso á lectura e á cultura con independencia do lugar no que residas,  en liña cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Para iso, prevese que de cara ao mes de setembro arranque unha nova Furgoteca na provincia de Ourense, que atenderá a dez novos concellos: Lobeira, Muíños, Padrenda, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea, que, no seu conxunto, suman 11.233 habitantes.  

 

Neste senso, a Xunta de Galicia ten xa en marcha a licitación dotada con máis de 650.000€ para contratar os medios humanos e materiais que sexan precisos para a entrada en funcionamento desta terceira Furgoteca ao tempo que se reforza a prestación e se incorporan novidades editoriais. Trátase dun investimento que vai permitir chegar ata unha trintena de concellos que, no seu conxunto suman 33.163 habitantes, co fin de potenciar a programación e acceso á cultura en zonas non urbanas, tal e como se fai coa nova Rede Adival de Dinamización cultural no rural que o Goberno galego vai activar este ano.

 

Esta ampliación vén motivada pola boa acollida de A Furgoteca no primeiro ano de ruta. Realizáronse preto de 1.400 carnés de lector, case 15.000 préstamos e un total de 335 actividades de dinamización, nas que participaron máis de 6.600 asistentes. En total, a biblioteca móbil de Galicia recibiu máis de 14.300 visitas.

 

Máis alá das cifras, A Furgoteca é unha iniciativa moi valorada polos usuarios, dado que ofrece acompañamento e atención en contornas con illamento rural e un alto grao de envellecemento. Así o veñen trasladando os veciños á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ao longo destes doce meses as persoas encargadas do servizo.

 

Desde que botou a andar, a biblioteca móbil estivo presente en 20 concellos de menos de 2.000 habitantes das provincias de Lugo e Ourense, os que suman un total de 21.930 veciños. Son os habitantes dos concellos de: Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela na provincia de Lugo; e Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós na provincia de Ourense.

 

Estas persoas teñen acceso, a todos os servizos básicos de calquera biblioteca: expedición de carnés, préstamo e devolución, recomendación de contidos e lectura e formación na consulta do catálogo único da rede de bibliotecas e en GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros electrónicos. Ademais, tendo en conta as características da poboación destinataria, atende especialmente á alfabetización electrónica para as persoas usuarias co obxectivo de reducir a fenda dixital. 

 

Acceso á cultura é a lectura

Desde marzo de 2023, A Furgoteca viaxa dúas veces ao mes a cada un dos concellos incluídos nesta iniciativa e organízase de tal xeito que un dos días se asenta nos lugares de maior afluencia de público, nos que se celebran feiras, mercados ou hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deporte ou centros socioculturais, mentres que o segundo realiza un percorrido polas aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta.

 

Ademais, esta iniciativa tamén aposta pola dinamización lectora, polo que vén acompañada dunha intensa actividade cultural para dar a coñecer a iniciativa e achegala ao público destinatario mediante obradoiros, contacontos, certames, conferencias, prestación de libros e actuacións musicais, entre outras citas.

 

Así para poder cumprir cos obxectivos, as Furgotecas están compostas por unha colección que consta de preto de 3.750 exemplares entre libros, publicacións periódicas, audiovisuais e xogos. Trátase dunha colección que partiu de 500 títulos para cada unha das liñas e que se foi ampliando progresivamente incorporando novidades e atendendo ás peticións dos usuarios. Cabe salientar que tamén se atopan dispoñibles as coleccións das bibliotecas públicas de Lugo e Ourense que as complementan nos casos de que as persoas usuarias demanden exemplares que non estean dispoñibles en A Furgoteca.

 

Comparte