Nova: O Centro Dramático Galego estende a súa actividade a 15 espectáculos, máis de 100 concellos e unha decena de países na celebración do seu 40º aniversario
26/03/2024
O Centro Dramático Galego estende a súa actividade a 15 espectáculos, máis de 100 concellos e unha decena de países na celebración do seu 40º aniversario
Román Rodríguez subliña a traxectoria do CDG como fogar e plataforma para a profesión teatral galega e a súa evolución no compromiso coa inclusión e a accesibilidade, a proxección exterior e a creación galega contemporánea
‘Os actos e as profecías’ estréase o 11 de abril en Santiago como produción central dunha programación na que a unidade teatral da Xunta pon o foco na cidadanía a través de múltiples accións de accesibilidade, mobilidade e mediación de públicos
Coincidindo co Día Mundial do Teatro, mañá terán lugar no Salón Teatro catro quendas de visitas teatralizadas conducidas pola compañía Galeatro
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024
O Centro Dramático Galego (CDG) celebra este 2024 os 40 anos da súa fundación como a compañía pública de teatro de Galicia desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, a unidade teatral da Xunta de Galicia continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, apostan polo futuro poñendo o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega contemporánea.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela, que este ano cumpre tamén 20 anos como sede do CDG, acolleu a presentación do programa conmemorativo, na que Román Rodríguez estivo acompañado no escenario por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Fran Núñez, actual director do Centro Dramático Galego; Manuela Domínguez, extraballadora da compañía pública durante 36 anos, e Tamara Canosa, directora de Os actos e as profecías, produción central desta celebración, que se estreará o vindeiro 11 de abril neste mesmo espazo.
En representación do sector escénico galego, asistiu así mesmo unha trintena de profesionais entre os que se atopaban Ánxeles Cuña e Blanca Cendán, ex directoras do Centro Dramático Galego e os representantes dos equipos artísticos e compañías implicadas nestas programación conmemorativa, ademais de entidades como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Colectivo RPM, Federación Galega de Teatro Afeccionado, Insituto Camões, Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ou Museo do Pobo Galego.
O conselleiro subliñou a traxectoria da compañía institucional como fogar da profesión teatral galega, “un espazo aberto a todo o sector con toda a liberdade e os medios para desenvolver o seu traballo”, arredor do que se asentou ademais a profesionalización do teatro en Galicia.
Máis de 100 espectáculos e 1000 profesionais
Con máis de 100 espectáculos producidos coa implicación de máis dun milleiro de profesionais de todos os ámbitos artísticos e técnicos, o Centro Dramático Galego é “memoria e futuro” do teatro galego a través da recuperación dos clásicos, a incorporación da creación galega contemporánea e das novas expresións escénicas e o compromiso coa concienciación social e a inclusión, detallou.
Xustamente mañá, Día Mundial do Teatro, cumpriranse 40 anos do anuncio público por parte da Xunta da fundación do Centro Dramático Galego, que estrearía o seu primeiro espectáculo, Woyzeck, o 23 de agosto no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Coincidindo con este data sinalada, o Salón Teatro acollerá catro quendas de visitas teatralizadas da man da compañía Galeatro e con Alba Bermúdez, Luma Gómez, Tone Martínez e Carlos Sante como guías nun percorrido polas instalacións escénicas e por moitas das historias e anécdotas do Centro Dramático Galego ao longo destas catro décadas. As visitas, con capacidade limitada a 12 prazas, terán lugar ás 18, 19, 20 e 21,00 h., previa reserva no 881 867 229 en horario de mañá.
A unidade teatral da Xunta atópase xa inmersa nun ano a pleno rendemento de actividade durante o que porá en pé ou terá participado en 15 espectáculos e proxectos escénicos, comezando polas recentes postas en escena da coprodución galego-brasileira Hamlet, o de Cunqueiro e de Míticas pero secundarias, dentro do ciclo Clásicas desfeitas coa Cidade da Cultura de Galicia, así como da estrea galega de Manuela Rey Is In Da House xunto co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana do Castelo, Teatro Nacional São João do Porto e Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa.
A continuación, verá a luz Os actos e as profecías, produción central da programación do 40º aniversario, no marco do proxecto europeo Phōnē. Inserido no programa da UE Europa Creativa e baixo o lema Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, participan nel distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto con entidades escénicas doutros sete países: Alemaña, Francia, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos e Romanía.
Tamara Canosa dirixe este espectáculo, que poderá verse en Santiago ata o 26 de maio, ademais de asinar a dramaturxia con Xacio Baño. Son 20 os intérpretes que porán en escena esta produción, constituíndo un dos elencos máis numerosos dos contratados polo Centro Dramático. Nela, invéntase todo un universo arredor dos talent shows como espazo de xogo para lanzar ao aire cuestións como o lugar público na creación actual, a fama, a competitividade e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.
Ademais desta produción e compartindo a mesma escenografía, Phōnē será o marco para a representación en abril do espectáculo de teatro comunitario O corazón na boca, con dirección de Rafael Rey e con intérpretes dos diferentes grupos da Federación Galega de Teatro Afeccionado. Como parte deste mesmo proxecto europeo, o Salón Teatro será sede das Noites Internacionais de Teatro, que terán lugar dentro do Festival Escenas do Cambio con participación de artistas de Galicia, Romanía e do Tirol italiano.
A Utópica Rodante
Xa en maio, comezará un percorrido de catro meses coa montaxe de pequeno formato De Vilatriste a Vilalegre, en coprodución con Teatro O Cubo e con Sofía Espiñeira e Roberto Casal Mouriño na dirección. A través deste proxecto, denominado A Utópica Rodante, o CDG sairá ao encontro do público en máis de 100 concellos de toda Galicia para compartir tanto a celebración deste aniversario como a historia recente do teatro galego no seu camiño de profesionalización.
En liña cos obxectivos da futura Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia, e grazas á colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, o Centro empregará tamén nas súas xiras o sistema de teatro inclusivo para persoas con discapacidade auditiva ou visual que puxo en marcha de xeito pioneiro na súa sede de Santiago. Facilitarse igualmente a mobilidade do público a través do seu servizo de autobuses para asistir ás funcións do Salón Teatro desde máis de 30 concellos.
Á volta do verán, a compañía pública reestreará Terceiro acto, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e cuxos intérpretes son historia viva do teatro galego como representantes da xeración que emprendeu a profesionalización do sector en Galicia. Por este motivo, a Xunta recupera esta montaxe, cuxa primeira temporada de exhibición en 2021 veuse dificultada polas restricións aplicadas durante a crise sanitaria.
Neste 40º aniversario, tamén se coproducirá con Culturactiva Nada se sabe, unha creación colectiva baixo a dirección do madrileño Ignacio García, ademais de se avanzar no desenvolvemento do proxecto pedagóxico internacional NÓS/NOUS, baixo o paraugas do Erasmus+, coa participación no espectáculo Na hora dos cans, con dramaturxia da galega Ana Carreira e dirección do portugués Nuno M. Cardoso.
Nesta estreita relación con Portugal, insírense outras iniciativas como Territorios de liberdade, de Vazarim Teatro e Tanxarina Títeres, dirixida por Quico Cadaval con dramaturxia de Zé Paredes; Frágua de amor, proposta de gran formato a partir da obra de Gil Vicente e coa implicación de importantes estruturas culturais lusas; o proxecto de coprodución e residencias Curtas - Entrepalav.bras entre Teatroensaio e Butacazero ou a programación en Galicia de As Quintas do Camões, en colaboración co Insituto Camões.
Os espectáculos Fear Liath, xunto a algúns dos principais teatros de Gales, Irlanda e Países Baixos, e Cores, co Teatro Nacional de Bautzen en Alemaña, completan a listaxe de colaboracións internacionais que lle dan forma a esta dinámica de intercambio coa implicación de numerosos profesionais galegos.