Nova: A Xunta apoia o documental ‘Queres saír podes entrar’ de Pablo Villalobos en homenaxe ao poeta vigués Carlos Oroza

05/04/2024

A Xunta apoia o documental ‘Queres saír podes entrar’ de Pablo Villalobos en homenaxe ao poeta vigués Carlos Oroza

O director xeral de Cultura e a delegada territorial da Xunta en Vigo participan na presentación da peza audiovisual no Museo do Mar de Galicia

Vigo, 5 de abril de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe no Museo do Mar de Galicia na presentación e proxección do documental Queres saír podes entrar de Pablo Villalobos. Unha peza audiovisual que percorre a vida e obra do poeta vigués Carlos Oroza e que se suma aos actos de homenaxe ao artista no centenario do seu nacemento. 

“Esta peza aproxima os espectadores á obra dun dos grandes da poesía galega, que ten destacado pola súa ampla produción literaria e que é de xustiza que divulguemos e axudemos a descubrir por toda Galicia”, anotou Anxo M. Lorenzo durante a presentación do documental, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. “A través deste audiovisual podemos descubrir ao Oroza poeta, pero tamén ao Oroza humano”, engadiu.

Este traballo forma parte das iniciativas para conmemorar o centenario do nacemento do recoñecido poeta e súmase a outras iniciativas da Xunta de Galicia como a exposición Oroza (1923-2023). Centenario do poeta Carlos Oroza, así como a colaboración do Goberno galego na mostra En el norte hay un mar..., a edición do libro Oroza 100 ou a convocatoria do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza.  

Comparte