Nova: Román Rodríguez comparte cos alcaldes da Ribeira Sacra os seguintes pasos da candidatura a Patrimonio Mundial

08/04/2024

Román Rodríguez comparte cos alcaldes da Ribeira Sacra os seguintes pasos da candidatura a Patrimonio Mundial

O representante da Xunta de Galicia agradece a confianza e a implicación dos axentes locais e animou a continuar avanzando “de xeito conxunto e coordinado”

 “Todos debemos estar orgullosos do que levamos feito porque grazas a iso a Ribeira Sacra é hoxe un territorio máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, afirma

‘Paisaxe da auga: Ribeira Sacra’ será a proposta de España no Comité de Patrimonio Mundial da Unesco en 2026 tras a aprobación do Consello do Patrimonio Histórico

Carballeda (Lugo), 8 de abril do 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro con alcaldes e representantes dos concellos que forman o territorio da Ribeira Sacra cos que compartiu os seguintes pasos da candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial tras a decisión unánime do Consello do Patrimonio Histórico de que sexa a proposta de España para a súa remisión a Unesco. 

No encontro, o representante da Xunta de Galicia agradeceu a confianza e a implicación de todos os axentes locais, aos que animou a continuar avanzando “de xeito conxunto e coordinado” cun horizonte claro: acadar o máximo recoñecemento da Unesco. “Todos debemos estar orgulloso do que levamos feito porque o resultado deste anos é que a Ribeira Sacra é hoxe un territorio máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, trasladou Román Rodríguez. 

Neste senso, explicou que, tras a aprobación do Consello de Patrimonio Histórico, a candidatura da Ribeira Sacra entra nunha nova fase na que é preciso seguir traballando “e facendo as cousas ben como ata agora para lograr a inclusión la Lista de Patrimonio da Humanidade”. “A decisión tomada polo órgano de coordinación do Goberno e as comunidades autónomas é unha moi boa nova para Galicia porque sitúa a Ribeira Sacra de novo na fase final, pero temos por diante meses de moito traballo ata que en 2026 a proposta poida ser abordada no Comité do Patrimonio Mundial da Unesco”, engadiu. 

No marco desta reunión, o conselleiro Román Rodríguez tamén felicitou a todos os técnicos e expertos implicados na redacción do expediente, así como aos representantes de concellos, deputacións, entidades implicadas, tecido social e empresarial e veciños “polo intenso traballo feito desde o ano 2021 para poñer en valor e protexer este territorio do sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense”. 

Tras a decisión tomada no encontro celebrado na illa da Palma, ábrese unha nova fase de traballo na que, ao longo do ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco. 

Posteriormente, o informe será presentado no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en febreiro de 2025, onde será avaliado polos órganos consultivos antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026. 

Comparte