Nova: Román Rodríguez destaca a preservación do patrimonio como unha das principais liñas de actuación da Xunta

10/04/2024

Román Rodríguez destaca a preservación do patrimonio como unha das principais liñas de actuación da Xunta

Salienta a necesidade de harmonizar a protección dos bens culturais co desenvolvemento orgánico das contornas urbanas

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración do curso A protección do patrimonio histórico e a súa conexión co urbanismo, organizada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, onde salientou a aposta da Xunta de Galicia “pola preservación patrimonial como corazón da nosa estratexia cultural e unha das principais liñas de actuación do Goberno galego”.

“O noso deber como axentes públicos é garantir a protección, preservación e divulgación do patrimonio histórico sen que isto repercuta no desenvolvemento orgánico das contornas urbanas das que forman parte”, explicou Román Rodríguez, afirmando que o desenvolvemento urbano “require da base firme do patrimonio cultural para asegurar o seu propio crecemento”.

O representante do Goberno galego incidiu na necesidade de que os bens patrimoniais continúen desempeñando un papel de cohesión elemental que realizan. “O patrimonio transcende ao propio territorio e vincula cada actuación sobre a os principais ben culturais, polo que toda actuación legal que se acometa sobre este debe ser executada coa responsabilidade correspondente ao seu peso histórico”, sinalou.

Plans en marcha

“Desde a Xunta queremos seguir ampliando as iniciativas de conservación do noso patrimonio”, salientou o conselleiro en funcións, destacando liñas como o Plan Catedrais 2021-2027 ou as actuacións para a salvagarda dos valores culturais, arqueolóxicos e etnográficos que se realizan en todo o territorio galego. “O patrimonio é unha oportunidade para todos, para o seu aproveitamento cultural, a súa proxección exterior e para fortalecer a marca de país”, rematou.

Comparte