Nova: A Xunta subvenciona con 270.000 euros 30 proxectos de escrita de guións para novas películas e series
19/04/2024
A Xunta subvenciona con 270.000 euros 30 proxectos de escrita de guións para novas películas e series
Publícase a resolución desta nova convocatoria, que se incorporou este ano ao programa anual de axudas ao audiovisual galego
Reciben financiamento 10 proxectos de autoría novel, cunha axuda de 7.000 euros cada un, e 20 propostas de autoría non novel, cunha contía de 10.000 euros por guión
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024.- A Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións para a escrita de guións audiovisuais, unha nova liña de apoio ao sector lanzada por primeira vez este ano e a través da que o Goberno galego outorga 270.000 euros a 30 proxectos orixinais ou de adaptacións literarias que teñen como destino a produción de longametraxes cinematográficas ou de series para televisión.
Na modalidade de autoría novel, destinada a persoas que están a iniciar a súa traxectoria profesional no ámbito da escrita audiovisual, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude concede 70.000 euros repartidos entre 10 proxectos. Trátase de A cinco segundos, de Ana Pico García; Viaxe ao bosque esquecido, de Noelia Muíño González; Damero maldito, de Clara Coira Suárez; Anatomía dunha onda, de Pedro Díaz López; Cando prende a cacharela, de José Carlos Illanes Puente; O lobo nunca pide perdón, de Miguel Conde Lobato; Chorima, de Alicia Úbeda Suárez; Candorca, de Heber Fernández Pérez; El capitán, de Álvaro Pinell Pacha; e Delgada ou morta, de María Barro Guntín.
Guionistas con experiencia acreditada
No referente á modalidade de autoría non novel, dirixida a guionistas profesionais con experiencia acreditada na escrita para longametraxes ou series, a contía de 200.000 euros distribúese de xeito igualitario entre 20 proxectos.
Os títulos subvencionados son La historia entre tus piernas, de Raquel Nogueira Basalo; Monstros, de Nano López Moure; Guerra fría, de Enrique Otero; Los estudios, de Alba Araújo Pinto; Piso 13, de Roberto González Méndez; Toda miña, a saudade, de Alfonso de la Puente Vaquero; Febre, de Héctor Carré; Normal, de Lidia Fraga; Pendiente de un hilo, de Pedro Corredoira; A nena que quería ser Fred Astaire, de Olga Osorio; Happy funerals, de Fon Cortizo Vázquez; A7, de Santiago González Iglesias; Amparo, pero non Olvido, de Luis Miles; As almas perdidas, de Alexandre Cancelo Parcero; O mozo do peito ferido, de Carlos Piñeiro; Non corta o mar, senón voa, de Xacio Baño, La caja, de Xosé Morais; Corre comigo, de Chelo Loureiro; Cocho, de Jacobo García Fernández; e Frank Soutelo, investigador privado, de Chema Gagino.
O obxectivo desta nova liña de axudas é contribuír ao avance do audiovisual galego a partir dun investimento na base do sector, que está, en gran medida, na fase inicial de guión. Búscase así dar pulo a novos talentos e consolidar o apoio aos que xa teñen experiencia na escrita, ao tempo que se afianzan as fases previas dos proxectos cara ao desenvolvemento e produción de novos títulos que continúen na senda de éxitos e recoñecementos do audiovisual galego.