Nova: A Xunta celebra o Día do Libro con actividades culturais nas bibliotecas e tamén con libreiros, escolares e cativada de pediatría hospitalaria

23/04/2024

A Xunta celebra o Día do Libro con actividades culturais nas bibliotecas e tamén con libreiros, escolares e cativada de pediatría hospitalaria

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita a carpa da Agrupación de Libreiros de Ourense e participa nas accións creativas na Ínsua dos Poetas con estudantes de centros de Infantil, Primaria e Secundaria da comarca do Carballiño

Visitas guiadas, obradoiros, exposicións, charlas e outras propostas conforman a programación de máis dunha trintena de actividades das bibliotecas xestionadas pola Xunta

 José López fai un chamamento para gozar de todas estas accións ao redor do libro e da lectura que erixe como “vía de expansión da identidade e cultura de Galicia”

Súmase a esta efeméride o circuíto das Feiras do Libro de Galicia, que deu comezo o pasado venres en Ferrol e continúa en Santiago de Compostela, a partir do vindeiro sábado, e percorrerá 13 vilas e cidades galegas

O Estudo sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia 2023 revela que o índice de lectura se atopa 1,4 puntos por enriba da media estatal e o 61,3 % da poboación le libros en galego tanto de xeito habitual como ocasional

Ourense, 23 de abril de 2023

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, visitou esta mañá a carpa da Agrupación de Libreiros de Ourense, unha actividade que forma parte da extensa programación cultural coa que a Xunta de Galicia está a celebrar o Día Internacional do Libro, que inclúe máis dunha trintena de accións nas bibliotecas xestionadas pola Administración autonómica e tamén con escolares e con cativada de pediatría da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Ademais da visita á carpa de libreiros na cidade de Ourense, o máximo responsable de Cultura, Lingua e Xuventude participou hoxe na programación cultural que se artellou na Ínsua dos Poetas con estudantes de centros educativos da comarca do Carballliño:  IES Ferro Couselo, CEIP de Maceda, CEIO de Seixalvo, CEIP Terras de Maside, Colexio Luis Vives e Colexio Vila do Arenteiro. 

O acto incluíu música, lecturas de poemas, escenificacións e outras actuacións creativas para salientar a importancia do libro en calquera dos seus formatos para o desenvolvemento da humanidade.

O conselleiro fixo un chamamento a gozar de todas estas accións ao redor do libro e a lectura que erixiu como “vía de expansión da identidade e cultura de Galicia” e lembrou que o Día Internacional do Libro é un data que a Unesco estableceu para incentivar a lectura, promover a industria editorial e defender os dereitos dos escritores e escritoras de todo o mundo. 

Neste senso, considerou unha efeméride máis que axeitada para que, a través da ampla programación cultural ao redor desta data, poder achegarse ou afondar na figura á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, á poeta, á ensaísta, á música e á dramaturga, Luísa Villalta.

Hábitos lectores en Galicia

O conselleiro tamén puxo en valor os datos que reflicte o Estudo sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia 2023, xa que revela que o índice de lectura se atopa 1,4 puntos por enriba da media estatal e o 61,3 % da poboación le libros en galego tanto de xeito habitual como ocasional.

Ademais, este informe amosa que, no relativo á cativada, a porcentaxe de rapaces entre 10 e 13 anos que le libros no seu tempo libre é do 83,7 % e case o 97 % dos galegos e galegas maiores de 14 anos le algún tipo de material alomenos unha vez ao trimestre.

Finalmente, José López tamén lembrou que  a Xunta ten en marcha un Plan de impulso ao libro galego no marco do Plan Xeración Cultura dotado de 34 millóns de euros.

Programación cultural en Pediatría do Hospital de Ourense

A programación especial co gallo do Día do Libro tamén ten en conta a cativada ingresada nos hospital para que poidan participar de accións vencelladas á lectura, sobre todo pola súa importancia de lecer, cultura e entretemento en períodos de convalecencia.

Precisamente, a Unidade de Pediatría do Hospital de Ourense, que inclúe a área sanitaria tamén de Verín e O Barco de Valdeorras, está a acoller desde o pasado luns e ata mañá mércores diferentes actividades integradas por un obradoiro, entrega de marcapáxinas e agasallo de libros, tanto aos máis pequenos e pequenas como ás persoas maiores ingresadas.

Máis dunha trintena de actividades nas bibliotecas

As bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia tamén se suman, como todos os anos, a esta celebración, realizando unha serie de actividades para festexar o Día do Libro. Unha cita que se complementa con máis dunha trintena de propostas ao longo do mes por parte destas entidades, esenciais na promoción e difusión do libro galego. 

A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, celebrará hoxe esta efeméride con agasallos de bolsas sorpresas de libros aos usuarios e visitantes que se acheguen ata as súas instalacións este día. Tamén ofrecerán visitas guiadas ás 12,30 e ás 17,00 horas.

Na Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés aposta polas visitas guiadas e os obradoiros, con dúas datas marcadas: hoxe, día 23, e o día 30 ás 10,00 horas. Ademais, hai programados dous obradoiros: para esta tarde, ás 18,30 horas, será a quenda da actividade De aló de onde eu veño para público adulto e o día 25, ás 11,15 horas, desenvolverase O libro inclusivo. 

Pola súa parte, a Biblioteca Pública de Lugo aposta por achegar escritores ata a entidade. Así, o día 25, a escritora Áurea L. Lamela falará sobre o proceso de escrita de novelas policíacas e sobre as súas obras. Tamén se programará un faladoiro con Adolfo de Abel sobre temas locais. Para completar este calendario, estará exposta a mostra A arte da tipografía. 

Xa en Ourense, hoxe, ás 18,00 horas, realizarase un obradoiro de escritura creativa para adultos, e o día 27, ás 12,00 horas, estará Sabela Gago co taller de xogos infantís O nariz de Pinocho.

En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola programa dúas mostras bibliográficas, as que estarán dispoñibles ata 30 de abril: Día do Libro 2024, para comezar e non parar de ler, destinada a público xuvenil, e A estética do aburrimento na literatura, pensada para adultos. Tras realizar estes días varios obradoiros infantís rematarán esta programación especial o dia 26, ás 18,00 horas, cunha sesión familiar de contos e obradoiros de debuxo a cargo de Polo Correo do Vento. 

Unha axenda moi cultural

Na capital galega, a Biblioteca Pública Ánxel Casal conta cunha ampla axenda para celebrar o Día do Libro. Así,  hoxe, sortearanse catro lotes de libros e realizarase unha visita guiada ás 12,00 horas. 

Así mesmo, a entidade organiza o roteiro Compostela (d)escrita a cargo de Maos Innovación Social para coñecer a Compostela literaria. Tamén, o día 27, ás 12,00 horas, está programado o contacontos Sorpresa! con A Xanela do Maxín. Todas estas propostas complétanse coas mostras bibliográficas Libros para ler nun día e Banda deseñada autobiográfica feita por mulleres, as que xa están dispoñibles.

Finalmente, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo realiza visitas guiadas durante a xornada de hoxe, ás 12,00 e ás 18,00 horas, na que os participantes poderán descubrir a mostra Un obxecto fascinante: o libro ao longo da historia, que estará dispoñible ata o 11 de maio.  Máis alá disto, o 26 de abril, ás 19,00 horas, a escritora Rebeca Dapena presentará o seu libro Mundanal ruido. Poemas para un tiempo revuelto; o día 20, ás 12,00 horas, celebrarase a actividade infantil Contamaxias de O Mago Paco, e o día 27, á mesma á mesma hora, está programado o contacontos en inglés The Colourful monster. 

I Encontro Letras na praza

A programación polo Día do Libro tamén inclúe o I Encontro Letras na Praza, que se celebrará mañá mércores, día 24, no Concello da Lama. Trátase dunha actividade de dinamización da lectura, organizado polo CEIP de A Lama. Está dirixida a estudantes dos centros educativos de Fornelos de Montes, Carballedo (Concello de Cerdedo-Cotobade) e A Lama.

Feiras do Libro de Galicia

Hai que engadir aos festexos desta efeméride o circuíto das Feiras do Libro de Galicia, que deu comezo o pasado venres en Ferrol e continúa en Santiago de Compostela, a partir do vindeiro sábado, e percorrerá 13 vilas e cidades galegas.

Deste xeito, despois da cita na capital galega, as Feiras do Libro de Galicia terán como seguinte parada O Porriño, do 9 ao 12 de maio: e Lugo, do 13 ao 17 de maio. Tamén estará presente na provincia de Ourense, do 5 ao 8 de xuño; en Redondela, do 13 ao 16 de xuño; Vigo, do 1 ao 7 de xullo; Ponteareas, do 11 ao 14 de xullo; e Rianxo, do 14 ao 27 dese mesmo mes. En agosto, a Feira do libro estará tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; en Foz, do 16 ao 19; e en Monforte de Lemos, do 21 ao 24.

 

Comparte