Nova: Aberta a convocatoria de axudas para a participación das galerías de arte galegas en feiras e mercados nacionais e internacionais
24/04/2024
Aberta a convocatoria de axudas para a participación das galerías de arte galegas en feiras e mercados nacionais e internacionais
A partida increméntase en 30.000 € e admite a incorporación da asistencia a feiras de decembro do pasado ano para que poidan optar a estas subvencións
O prazo para presentar solicitudes remata o 20 de maio
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024
A Xunta de Galicia abriu xa a convocatoria de axudas para apoiar ás galerías de arte na súa participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade galega. Como publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) destínase unha achega de 80.000 € para colaborar cos profesionais que estean interesados a participar ao longo deste ano neste tipo de eventos, o que supón 30.000 € máis que na anterior convocatoria. Ademais, cómpre salientar a novidade de que se poderán presentar para subvencións de feiras ás que se asistise xa desde decembro de 2023.
Con estas axudas o Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, reflicte o apoio ás galerías de arte, recoñecéndolles que, no marco de pulo e de incentivo á actividade artística en Galicia, desempeñan un papel relevante na difusión da arte contemporánea, da produción das e dos artistas e na dinamización económica da cultura.
O obxectivo destas subvencións é colaborar coas galerías na proxección exterior das e dos artistas galegos e no apoio da dinamización comercial das galerías nas feiras e mercados de arte internacionais. Así, tal e como se recolle nas bases, no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, pero fóra de Galicia, os beneficiarios recibirán un máximo de 4.000 euros, mentres que a axuda será de 8.000€ se se trata de eventos internacionais. Outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva.
Prazo e requisitos
O prazo para presentar solicitudes rematará o vindeiro 20 de maio e poderán ser beneficiarias da subvención as persoas físicas ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades en Galicia, que teñan asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.
Tamén debe estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas na actividade para a que solicitan a subvención, ter a inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado e acreditar a relación dos asistentes coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da empresa beneficiaria.
Convenio con ‘Contemporánea’
Nesta mesma liña de apoio a actividade que desenvolven, a Xunta tamén renova a colaboración con ‘Contemporánea’, a asociación de galerías de arte que reúne as principais iniciativas galerísticas de arte contemporánea de Galicia, coa sinatura dun convenio por importe de 55.000 €, incrementado en 10.000 € a partida de 2023.
Con este convenio, o Goberno galego procura seguir estimulando o traballo de difusión cultural das galerías asociadas, ao tempo que se colabora na realización do programa Aberto Galicia 2024, iniciativa prevista para setembro deste ano e na que as galerías asociadas participan conxuntamente para inaugurar a súa tempada expositiva.