Nova: A Xunta dinamiza a actividade cultural entre a cativada do rural co gallo do Día do Libro
24/04/2024
A Xunta dinamiza a actividade cultural entre a cativada do rural co gallo do Día do Libro
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa no I Encontro Letras na Praza con escolares de Fornelos de Montes, Carballedo (Cerdedo-Cotobade) e A Lama
A Lama (Pontevedra), 24 de abril de 2023
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, achegouse esta mañá ao I Encontro Letras na Praza, unha actividade organizada polo centro de ensino de infantil e primaria desta localidade pontevedresa e na cal participan escolares de Fornelos de Montes, Carballedo (Cerdedo-Cotobade) e A Lama. Trátase dun acción encadrada co gallo do Día do Libro e que permite dinamizar a activade cultural entre a cativada do rural.
Así o puxo en valor José López, quen, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, se achegou á alameda da Lama, onde estes escolares estaban a participar en actividades de animación á lectura, xogos, programas de radio en directo e outras accións de lecer cultural, ademais de encontros entre o alumnado e os pais e as nais.
José López trasladoulles a importancia que a educación, a cultura e a dinamización do medio rural ten para o Goberno galego. Por estes motivos, gabou esta iniciativa que organiza por vez primeira o CEIP da Lama e que pretende ter un itinerario entre os concellos da comarca do Verdugo-Oitavén.
Hábitos lectores entre a rapazada en Galicia
O conselleiro tirou proveito deste encontro para salientar os datos que reflicte o Estudo sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia 2023, xa que revelan, no relativo á cativada, que a porcentaxe de rapaces e rapazas entre 10 e 13 anos que le libros no seu tempo libre é do 83,7 %. Ademais, destacou que o informe amosa que case o 97 % dos galegos e galegas maiores de 14 anos le algún tipo de material polo menos unha vez ao trimestre.