Nova: A Xunta convida a festexar a primavera correndo a Holi Gaiás o sábado 8 de xuño na Cidade da Cultura

29/04/2024

A Xunta convida a festexar a primavera correndo a Holi Gaiás o sábado 8 de xuño na Cidade da Cultura

Xa están abertas as inscricións na web da Federación Galega de Atletismo, carreirasgalegas. com

A proba, que vai pola súa sexta edición, estrea este ano a ‘Peque Holi’ para cativada entre 4 e 9 anos cun percorrido de 700 metros

A iniciativa conta co patrocinio de Viaqua e a colaboración da Federación , Coca-Cola e Gadis

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi.

A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá.  

A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa. Aínda que o máis importante non é a competición, si haberá premios nas categorías infantil e adulta para as mellores clasificacións.

A proba está organizada pola Xunta a través da Cidade da Cultura e patrocinada por Viaqua, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis. Está aberta a persoas tanto federadas como non federadas e a idade mínima para participar é a das persoas nadas antes do 31 de decembro de 2020. 

Información práctica

A saída da Holi Gaiás, cun circuíto de 5 kilómetros, será ás 12.00 horas e nela participan a categoría infantil (nados do 2009 ao 2014) e adulta (nados no 2008 e anos anteriores). Pola súa banda, a cativada que participe na Peque Holi (nados entre o 2015 e o 2020) farán un percorrido de 700 metros con saída ás 11.30 horas. Os nenos e nenas nesta última proba poden ir acompañados dunha persoa adulta.

As inscricións xa están abertas na páxina www.carreirasgalegas.com, cun custo de 5 euros por dorsal e 3€ para a Peque Holi. O prazo para apuntarse remata o 5 de xuño ás e a recollida de dorsais realizarase na propia Cidade da Cultura durante o venres 7 de xuño e o mesmo día da carreira ata as 11.00 horas para a proba dos pequenos e ata as 11.30 para a carreira principal. Toda a información sobre as bases, o seu regulamento e a inscrición atópanse na páxina www.cidadedacultura.gal.

Comparte