Nova: A Xunta e Afundación convidan a visitar “Ourense no tempo” na súa última semana e anuncian a próxima exposición deste ciclo en Pontevedra en xuño

06/05/2024

A Xunta e Afundación convidan a visitar “Ourense no tempo” na súa última semana e anuncian a próxima exposición deste ciclo en Pontevedra en xuño

A mostra pecha as súas portas na sala de Afundación na Praza Maior de Ourense o vindeiro domingo 12 de maio con máis de 6.000 visitantes

O proxecto ‘Cidades no tempo’, co que se reinvidica a identidade urbana de Galicia, rematará en xuño en Pontevedra despois de ter percorrido Santiago, Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo e a cidade das Burgas 

O conselleiro de Cultura, José López, visitou a exposición xunto co director de Afundación, Pedro Otero, facendo fincapé no “gran coñecemento da sociedade galega, máis alá dos tópicos dunha terra eminentemente rural, aportado por esta rede de mostras”

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

A exposición Ourense no tempo, organizada pola Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura e coa colaboración de Afundación, pecha as súas portas o vindeiro domingo 12 de maio con máis de 6.000 visitantes. Trátase da sexta das sete mostras que abrangue o proxecto Cidades no tempo, cuxo obxectivo de reivindicar a identidade urbana de Galicia rematará en xuño coa derradeira exposición en Pontevedra.

Inaugurada o 5 de marzo, a mostra que pode verse na sala de Afundación na Praza Maior de Ourense, reúne 150 pezas de moi diferente tipoloxía: obras de arte, documentos históricos, obxectos cargados de simbolismo, planos e mapas, recreacións virtuais e arquivos sonoros, fotografías e publicacións. Con esta escolma afóndase no carácter estratéxico dunha urbe de interior onde se tece un gran nó de camiños, tanto cara o litoral galego como cara Portugal e Castela. 

O contido expositivo continúa a liña das anteriores mostras e será tamén o fío condutor para explicar a historia de Pontevedra dende as súas orixes á actualidade.  Neste senso, o conselleiro de Cultura, José López, que visitou a mostra de Ourense acompañado do director de Afundación, Pedro Otero, fixo fincapé “no gran coñecemento da sociedade galega, máis alá dos tópicos dunha terra eminentemente rural, aportado por esta rede de exposicións”.

Cidades no tempo

Despois do seu paso por Santiago (xuño-setembro 2022), Ferrol (novembro 2022-xaneiro 2023), Lugo (marzo-maio 2023), A Coruña (xullo-setembro 2023), Vigo (novembro 2023-xaneiro 2024) e Ourense (marzo-maio 2024) Cidades no tempo suma polo de agora máis de 46.000 visitantes.

O proxecto está comisariado por Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para cada mostra conta cun asesor local, como o arqueólogo Jose María Eguileta en Ourense ou a comunicadora e escritora Milagros Bará en Pontevedra.

Comparte