Nova: López Campos analiza coa alcaldesa de Mos proxectos culturais relevantes para o municipio
07/05/2024
López Campos analiza coa alcaldesa de Mos proxectos culturais relevantes para o municipio
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse en San Caetano coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, para analizar diferentes temas culturais de interese para este municipio pontevedrés. Deste xeito, o titular deste departamento inicia a primeira das roldas de contactos que ten previsto manter con rexedores para afondar e estreitar a colaboración entre a institucións autonómica e as municipais nas materias da súa competencia.
Precisamente, o representante do Goberno galego e a alcaldesa centraron o encontro no apoio por parte da Consellería de Cultura a varias actuacións do patrimonio cultural e histórico desta vila como a posta en valor do Castro de Torrosa ou a rehabilitación da antiga reitoral de Petelos, cuxa segunda fase vén de rematar cunha achega de 300.000€ por parte da Xunta de Galicia. Así mesmo, analizáronse outras iniciativas como a celebración dunha nova edición do festival infantil Canto Conto ou a adquisición de material bibliográfico para a nova biblioteca María Magdalena.