Nova: A Xunta convoca as axudas á edición de materiais didácticos en lingua galega para o ano 2024

11/05/2024

A Xunta convoca as axudas á edición de materiais didácticos en lingua galega para o ano 2024

Destina 200.000 euros a fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego e favorecer o tecido da industria editorial galega

As editoriais poderán solicitar estas subvencións a través da sede electrónica da Administración autonómica ata o 7 de xuño

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Trátase dunha liña de axudas destinada á edición de materiais en formato impreso ou dixital á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega durante este ano 200.000 euros.

O obxectivo da convocatoria, dirixida ás empresas do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado e favorecer o tecido da industria editorial galega. Aquelas que cumpran os requisitos deberán solicitar as axudas obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario da sede electrónica da Xunta ata o 7 de xuño.Será subvencionable a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes para niveis non universitarios realizados en soportes impresos ou dixitais. Quedan excluídos destas subvencións libros de creación literaria, dicionarios, enciclopedias, libros de bibliófila, volumes de difusión gratuíta, publicacións de clubs de lectura ou similares, obras que non sexan primeira edición ou proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunha das tres últimas convocatorias, con independencia do soporte ou formato no que se presenten. 

Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares e os editados en soporte dixital ou audiovisual, de 500. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de se editar nalgún soporte tanxible (memoria USB, CD, DVD ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

Os proxectos presentados serán valorados por unha comisión en función da súa orixinalidade -primando as obras de creación propia sobre as adaptacións ou refundicións- e da súa calidade, que se medirá en función da adaptación dos materiais ao currículo oficial, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecemento do alumnado destinatario, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade cultural e social de Galicia e, por suposto, da calidade lingüística. 

Ademais, os materiais destinados á formación profesional específica ou ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo obterán un incremento final da puntuación global dun 20 %. 

Comparte