Nova: Máis de medio cento de actividades nos museos da Xunta para celebrar o seu Día Internacional
12/05/2024
Máis de medio cento de actividades nos museos da Xunta para celebrar o seu Día Internacional
Inclúense visitas guiadas, obradoiros para a cativada, xornadas de portas abertas, actividades didácticas, teatro e propostas musicais vinculadas coas exposicións que se programan
Santiago de Compostela, 12 de maio do 2024
A Xunta de Galicia programa este ano máis de medio cento de actividades nos espazos museísticos que xestiona para conmemorar o Día Internacional dos Museos, que se celebra o sábado 18. O Consello Internacional de Museos propón para celebralo o lema Museos pola educación e a investigación ao que a programación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude se suma con visitas guiadas, obradoiros, xornadas de portas abertas, actividades didácticas, teatro e música, entre outras propostas dirixidas a todos os públicos.
Malia que haberá actividades ao longo da semana que vén, o epicentro da programación desenvolveranse durante a fin de semana dos días 18 e 19 de maio. A axenda pode consultarse nas respectivas webs e redes sociais dos centros, espallados por todo o territorio galego.
Museo das Peregrinacións e de Santiago
En Santiago de Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago ten artellados varios obradoiros o mesmo día do festexo, o sábado 18. O primeiro deles versará sobre a talla de madeira, dirixido por Javier Sanz, tallista profesional, que se desenvolverá ás 11,00 horas nos soportais do museo. O segundo, é un taller para a cativada centrado na figura do escultor Francisco Asorey. Deste xeito, ás 17,00 horas, nenos e nenas poderán experimentar co proceso creativo do artista facendo a maqueta dun monumento escultórico propio e a reprodución a escala en barro dunha obra de Asorey.
A programación do sábado 18 verase completada cun concerto de música coral que terá como protagonistas o coro infantil xuvenil Cantábile, que tamén se celebrará nos soportais do museo, ás 19,00 horas. E o domingo 19 organizarase, ás 11,30 horas, un obradoiro de bordado para toda a familia, dirixido por Bea Lema.
Durante toda a semana estará aberta a experiencia de realidade virtual Galiverso nos Museos, no que as persoas usuarias poderán interactuar con algunha das pezas máis destacadas, á vez que estará aberta durante todos eses días a mostra audiovisual DIM’24.
CGAC
O Centro Galego de Arte Contemporánea programa unha semana de actividades de balde vinculadas á didáctica e á música contemporánea, á educación artística e á creación plástica, á performance e mais á historia da fotografía, ademais dunha visita guiada aos recantos menos coñecidos do CGAC.
Deste xeito, mañá, luns 13, e o martes 14 organizaranse os concertos didácticos Outras músicas son posibles. Os primeiros estarán dirixidos a escolares de Educación primaria, ás 10,30 e as 11,30 horas. O martes será a quenda para os adultos, ás 20,00 horas.
O mércores 15, artellarase un obradoiro para a cativada, de entre 4 e 6 anos, ás 17,00 horas. Crearase un espazo con luces, con obxectos cotiáns, coa palabra e con elementos da natureza. Trataranse conceptos como o peso, o equilibrio, a escala, a repetición, a acumulación ou a asociación como estratexias creativas para achegarse ás múltiples posibilidades de produción artística que existen na arte actual.
Pola tarde, está previsto o curso de fotografía Memorias dunha imaxe latente, ás 19,00 horas, con Fuco Reyes. Este actividade propón unha deriva pola historia da fotografía desde o primeiro desexo de crear unha imaxe pola acción da luz ata o xurdimento das vangardas nos primeiros anos do século XX.
Xa o propio Día dos Museos, o sábado 18, e tamén o domingo 19, terán lugar dúas performances en diversos espazos dar arquitectura de Álvaro Siza, que se levan a cabo en colaboración co V Edición do Festival de Artes Performativas Plataforma. Nos dous día serán ás 18,00h con entrada libre ata completar capacidade das salas.
O domingo celebraras a visita guiada ao CGAC oculto, ás 12,00 h, que dá a posibilidade de descubrir os almacéns onde se custodian e conservan as obras de arte, os talleres de restauración e montaxe, a Aula de Educación Artística, as oficinas e a sala de xuntas. O percorrido rematará na cuberta do edificio, coroada pola instalación permanente do artista estadounidense Dan Graham, Triangular Pavilion.
Museo Centro Gaiás
O Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura súmase un ano máis á celebración do Día Internacional dos Museos cun programa de visitas comentadas especiais arredor da exposición Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum .
Da man de Miguel Ángel Cajigal, @elbarroquista , un dos integrantes do equipo didáctico da Cidade da Cultura, as persoas asistentes poderán descubrir o que non se ve dunha das grandes exposicións do Museo Centro Gaiás: o proceso. Coñecerán os complexos procedementos de produción e montaxe, ao tempo que afondarán nunha escolma de 'tesouros' da mostra, especialmente elixidos para esta visita.
As visitas especiais Os segredos de Tesouros reais terán lugar o 17 e 18 de maio ás 16,00 horas, con reserva de praza de balde na web da Cidade da Cultura.
Museo Camilo José Cela
Canto ao Museo Camilo José Cela de Padrón, centra esta programación especial no Lesetreo, a semana das letras no museo que se celebra 10 ao 20 de maio. Trátase dez días de portas abertas, con entrada gratuíta e horario de luns a venres de 10,00 a 14,00 horas, e actividades para todos os públicos, tamén dirixidas as centros escolares desde infantil a bacharelato.
A programación arrincou o 10 de maio cunha ofrenda floral no cemiterio de Adina e cun monólogo do actor e humorista Carlos Blanco no Paraninfo do Museo. A partir do 13 de maio, realizaranse actividades lúdicas para escolares, varios concertos de Pakolas e a divulgación o mesmo Día dos Museos na redes sociais dun vídeo sobre o Museo Camilo José Cela.
Museo de Belas Artes da Coruña
Na cidade da Coruña, o Museo de Belas Artes ofrecerá os días 15 e 16, ás 19.30 horas, a obra de teatro Cartas da muller ausente, de Lola Roel. O 18 de maio celebrarase a xornada de portas abertas ata ás 23,30 horas. Nese mesmo día, haberá dúas sesións, ás 12,00 e ás 17,30 horas, os obradoiros en familia Tecer recursos, que se centrarán na industrialización a través dos materiais e os obxectos reproducidos nos cadros.
Tamén o sábado, artellaranse dúas visitas guiadas, ás 12, 30 e 18,30 horas, á exposición A Torre de la Parada. Un espazo pictórico para Rubéns. Finalmente, ás 21,30 horas, celebrarase un concerto con grupo de rock Mad Martin Trío.
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Na cidade de Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial leva activado desde o 10 de maio unha serie de obradoiros para escolares que se desenvolverán ata o 24 de maio sobre o patrimonio. O mesmo 18 de maio organizaranse dous talleres sobre arqueoloxía experimental, ás 12,00 e 18,00 horas, centrados na Idade de Bronce.
Museos Etnolóxico de Ribadavia
O Museo Etnolóxico de Ribadavia tamén deu comezo aos festexos do Día dos Museos o pasado venres cun concerto, ao que lle seguirán a partir do mércores, día 15, unha serie de actividades en colaboración co Museo Nacional de Artes Decorativas de Kíiv, unha delas consistirá na apertura ao público neste centro museístico dunha mostra procedente deste museo etnolóxico con reproducións dalgunhas obras da colección de pintura Abrente.
A estas accións sumaráselle, o 25 de maio, unha saída de visita á Colección Museográfica Viva e Integrada do Campo e a Locomoción Agraria, en Láncara (Lugo) e a Domus do Mitreo, en Lugo.
Museo do Castro de Viladonga
Pola súa banda, o Museo do Castro de Viladonga, no concello lucense de Castro de Rei, sumouse esta mesma fin de semana á celebración coa Noite dos Museos con xogos populares e con dous concertos; un da Urkestra do Medio e outro de I colori dell’armonía; un diálogo musical entre dous violíns.
Museo do Mar de Galicia
Na cidade de Vigo, o Museo do Mar de Galicia organizará todos os sábados de mes de maio ás 11,30 horas, agás o día 18, a actividade familiar Atando cabos, na que se dan a coñecer tradicións, crenzas e supersticións que hai ao redor do mundo do mar en Galicia.
A partir do xoves 16 de maio abrirase una nova sala coa exposición permanente Contra vento e marea. A Mariña Mercante en Galicia. 1750-2002 co que se pretende mostrar unha parte da tradición e cultura galega que ata o momento non estaba representada no museo: o comercio e o intercambio de produtos por mar.
O sábado 18 de maio celebrase una xornada de portas abertas durante todo o horario de apertura do museo, de 11,00 a 14,00 e 17,00 a 20, 00 horas. Ese mesmo día entregarase de balde a guía do museo realizada polos personaxes infantís Os Bolechas.
Museo Massó
O Museo Massó, no concello pontevedrés de Bueu, ofrecerá a posibilidade de que, durante toda a semana de festexos ao redor do Día dos Museos, as persoas usuarias poidan gozar da experiencia virtual Galiverso nos Museos.