Nova: Odaiko abre os espectáculos de Cultura no Camiño na provincia de Lugo

18/04/2015

Odaiko abre os espectáculos de Cultura no Camiño na provincia de Lugo

Esta programación levará 82 actuacións escénicas e musicais por 22 concellos lucenses 

 

  • Odaiko abre os espectáculos de Cultura no Camiño na provincia de Lugo Odaiko abre os espectáculos de Cultura no Camiño na provincia de Lugo

Santiago, 18 de abril de 2015.- O programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia ofrecerá ata finais de setembro un total de 82 citas escénicas e musicais en colaboración con 22 concellos da provincia de Lugo situados nas rutas xacobeas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia organizan esta terceira edición do ciclo como parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, para o que contan co patrocinio de Gadis e a implicación de 93 municipios das catro provincias.

No caso de Lugo, a programación dá comezo esta fin de semana con dúas actuacións na praza do Concello de Palas de Rei: un concerto de Odaiko que terá lugar ás 22.00 horas desta noite e o espectáculo de animación de rúa de Carapaus, mañá domingo ás 13.00 horas. Xunto con Palas de Rei, participan tamén nesta iniciativa A Fonsagrada, A Pobra do Brollón, Abadín, Baleira, Barreiros, Castroverde, Friol, Guitiriz, Guntín, Lourenzá, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil, Sarria, Sober e Vilalba.

Cinco meses de actividade
O calendario de actuacións estenderase ao longo de cinco meses, durante os que 53 formacións artísticas galegas presentarán as súas últimas propostas en escenarios e recintos ao aire libre dos devanditos municipios. Ofrecerán, en total, 38 representacións teatrais e de narración oral, 20 concertos, 16 sesións de maxia e oito de novo circo. Á heteroxeneidade de estilos artísticos engádese a variedade das propostas en canto ao seu público obxectivo, entre o que tamén se ten en conta os espectadores máis novos con 26 actuacións pensadas especialmente para eles.

Na programación lucense de ‘Cultura no Camiño’ figuran, por exemplo, os concertos de Roi Casal en Monforte de Lemos, Orquestra Os Modernos en Paradela e Lugo, Pesdelán en Baleira e Sober, Cé Orquestra Pantasma na Pobra de Brollón, Lugo e Sober, ou Xoán Curiel na Fonsagrada, Guntín e Sober. As actuacións de Malasombra en Guitiriz e Guntín, dos Sete Magníficos + 1 en Barreiros, de Pepe Capelán en Ribas de Sil ou de Baobab Teatro en Monterroso son outros exemplos da ampla oferta escénica que se manterá ata finais de setembro.

O calendario completo de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da
Agadic (www.agadic.culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).

 

Comparte