Nova: A Xunta destina 50.000 euros a axudas para intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares

13/05/2024

A Xunta destina 50.000 euros a axudas para intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares

O prazo para solicitalas estará aberto desde mañá, 14 de maio, ata o 13 de xuño de 2024

As actuacións deberán estar realizadas desde o ano 2017 en diante e finalizadas na data de publicación da orde

Santiago de Compostela, 13 de maio 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas deste 2024 destinadas á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares e para as que se achegan 50.000 euros. O prazo de solicitudes ábrese mañá, 14 de maio, e remata o 13 de xuño.

Estas axudas van dirixidas aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten un monumento, conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados. Estas partidas irán destinadas a aqueles casos nos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude determine a necesidade de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico, que debe ser realizado de acordo cos requisitos establecidos na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

Requisitos a cumprir

Entre os requisitos establecidos atópanse que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas e fosen realizadas desde o ano 2017 en diante e estean finalizadas na data de publicación da presente orde.

De igual xeito, as actuacións debéronse ter desenvolvidas conforme aos proxectos arqueolóxicos presentados, ao tempo que deberon cumprirse as obrigas de responsabilidade da dirección de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Porcentaxes de financiamento

As axudas consistirán nunha subvención que se percibirá por unha soa vez por persoa beneficiaria e obra. En canto ás aportacións, poderán ser do 50 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e co límite de 20.000 euros, no caso de que se acredite a presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais.

A porcentaxe de axuda será do 30 %, co límite de 12.000 euros no caso de que a actuación realizada xa fose subvencionada en anteriores convocatorias co 20 % dos custos por ter entregado o informe valorativo a que se refire o parágrafo seguinte.

E as axudas poderán ser do 20 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado, e co límite de 8.000 euros, no caso da presentación e a entrega tan só dos correspondentes informes valorativos.

Comparte