Nova: A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e a Consellería de Cultura agasallan cun libro aos doantes co gallo do Día das Letras Galegas

15/05/2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e a Consellería de Cultura agasallan cun libro aos doantes co gallo do Día das Letras Galegas

As persoas que acudan a doar na véspera da xornada festiva, recibirán este obsequio especial co que conmemorar esta xornada, que este ano lembra a figura da escritora coruñesa Luisa Villalta

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e  Sangue (ADOS) e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agasallarán a todas as persoas que acudan a doar na xornada de mañá, xoves 16 de maio, cun libro como xeito de conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano lembra a figura da poeta e ensaísta coruñesa Luisa Villalta.

ADOS quere agradecer a colaboración, un ano máis, do departamento de Cultura da Xunta, para poñer de manifesto o recoñecemento da sociedade galega aos doantes de sangue e celebrar unha data especial no que os galegos e galegas lembramos ás figuras máis salientables da nosa rica literatura.

Concienciación social 

A dirección de ADOS destaca a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para lograr unha conciencia solidaria proclive á doazón como, neste caso, está a impulsar a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xa que poden unir os valores positivos do ámbito cultural á nosa mensaxe e transmitila con maior proximidade por ter un amplo calado social. 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que establecer sinerxías desde as distintas institucións e colectivos procedentes dos máis diversos eidos da sociedade galega, posibilita transmitir unha mensaxe solidaria a toda a cidadanía e contribúe, neste caso, a fomentar a doazón de sangue pero, tamén, convida aos galegos e galegas a coñecer un pouco máis a nosa excelente literatura.

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

 

Comparte