Nova: López Campos enxalza a aportación ao patrimonio cultural galego da actividade da mariña mercante en Galicia

15/05/2024

López Campos enxalza a aportación ao patrimonio cultural galego da actividade da mariña mercante en Galicia

 O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude inaugura o novo espazo baixo o epígrafe Contra vento e marea que pon en valor estas achegas no Museo do Mar de Galicia

O acto de apertura encádrase dentro da programación do Goberno galego para festexar o Día dos Museos

Vigo, 15 de maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José Campos, enxalzou esta tarde a “importante e fundamental” aportación ao patrimonio cultural galego do comercio e intercambio de produtos do mar que supuxo para Galicia a actividade da mariña mercante. Así o salientou na inauguración do novo espazo expositivo Contra vento e marea. A Mariña Mercante en Galicia. 1750-2002 que ofrece desde hoxe o Museo do Mar de Galicia, enmarcada nos actos de celebración esta semana do Día do Museos e para o que a Xunta ten artellada una programación especial en toda a súa rede museística.

O conselleiro puxo en valor a apertura deste espazo temático neste centro museístico, “localizado nunha cidade tan estreitamente vencellada ao mar e a toda a industria e impacto económico que este xera”. Precisamente, esta nova sala fai  un percorrido a través de máis de 100 pezas pola importancia que o tráfico e comercio marítimo supuxo para o desenvolvemento en Vigo do sector pesqueiro, do naval e tamén do automobilístico.

No entanto, López Campos quixo incidir sobre todo na pegada no patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, que a actividade da mariña mercante entrañou non só para a contorna do noso litoral, senón para todo o territorio galego. Deste xeito, referiuse a esas viaxes transatlánticas ou por diferentes puntos do planeta, coas que a tripulación traía consigo de volta á casa novos artefactos, artesanía, tecnoloxía e tamén palabras ou costumes que foron espallándose e tendo arraigamento propio na nosa Comunidade.

Por estes motivos, celebrou que a rede museística da Xunta dispoña dun espazo dedicado á relevancia que en tan diversos e amplos ámbitos supuxo para Galicia esta actividade comercial, “e moito máis que se estableza, como non podía ser doutro xeito, no Museo do Mar de Galicia”, remarcou. 

Comparte