Nova: López Campos súmase á celebración do Día dos Museos cunha viaxe virtual os fondos do Museo Massó
18/05/2024
López Campos súmase á celebración do Día dos Museos cunha viaxe virtual os fondos do Museo Massó
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude aproveitou a visita para coñecer as obras de rehabilitación que están en marcha con máis de 1 M€ ata o último trimestre do ano
Visitou os seis murais de Urbano Lugrís que acolle este museo de titularidade da Xunta e que, tras as actuacións de mellora, se exporán nunha sala dedicada ao pintor
Bueu (Pontevedra), 18 de maio de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o Museo Massó para gozar dunha viaxe virtual polos fondos desta institución no marco da celebración do Día dos Museos. Neste senso, o responsable autonómico de Cultura coñeceu de primeira man a iniciativa Galiverso que forma parte das máis do medio cento de actividades que organiza a Xunta de Galicia con motivo desta efeméride.
No que foi a súa primeira visita a este museo, o conselleiro puxo en valor a celebración desta data para darlle visibilidade ao importante labor de protección, conservación e dinamización do patrimonio cultural que realizan estas institucións, que son a súa vez conexión e ponte entre a creación plástica e a cidadanía.
O Museo Massó uniuse a esta celebración facilitando durante todos estes días a participación do público da experiencia Galiverso, que lle permite ás persoas participantes achegarse ás pezas dos museos xestionados pola Xunta a través da realidade virtual. Neste senso, López Campos enxalzou o valor das novas tecnoloxías e da dixitalización como ferramentas útiles na difusión dos bens culturais.
Obras de rehabilitación do Museo Massó e Sala Lugrís
O responsable de Cultura, Lingua e Xuventude tamén aproveitou esta visita para coñecer os avances das obras de rehabilitación do Museo Massó, en marcha ata o último trimestre do ano cunha achega de máis de 1 millón de euros. Trátase dunha actuación que, segundo destacou o responsable autonómico de Cultura, permitirá situar a este museo como “unha referencia de primeiro nivel na conservación e divulgación do patrimonio mariñeiro”.
O conselleiro fixo especial fincapé no feito de que estas obras suporán recuperar o espazo orixinal da antiga tribuna e acondicionalo para que sirva de sala permanente dedicada a Urbano Lugrís. Isto permitirá mostrarlle ao público nun mesmo espazo fondos como a serie de seis pinturas de gran formato realizada nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupa cerca de 300 metros lineais.